Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, madriña do primeiro concerto de “Cantar Delas”

Imaxe deputación de lugo
Lara Méndez asiste á actuación da Asociación luguesa na que se fará un percorrido pola música culta desde o século X ata a actualidade

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, amadriñará o primeiro concerto que a Asociación Cultural “Cantar Delas” oficiará este sábado 24 de maio, ás 20:30 horas, na Igrexa Parroquial de San Pedro de Lugo. Trátase do primeiro recital que ofrece esta Asociación luguesa de recente creación presidida por Julio Méndez Menéndez de Llano. O coro “Cantar Delas”, dirixido por Fernando González Jácome, está formado por 34 integrantes femininas con idades comprendidas entre os 13 e os 63 anos. Malia que os responsables da asociación comezaron a pensar na idea de crear unha coral hai alomenos tres anos, non foi ata 2007 cando a Asociación comezou a dar os seus primeiros pasos. As componentes do coro levan ensaiando durante estes meses para ofrecer o primeiro concerto, que consistirá nun percorrido pola música culta, desde o século X ata o século XXI. O coro estará acompañado pola pianista Carmen Prendes Veiga. Deste xeito, o repertorio inclúe pezas tradicionais do Códice Calixtino, de Johann Sebastian Bach, Mozart, William Byrd e mesmo outras máis recentes como “Do mar pola orela” do pianista pontevedrés Julio Domínguez. Este Concerto será o primeiro dos que a Asociación ofreza este ano.