Deputación de Lugo

Os 5 parques do Consorcio Provincial de Bombeiros atenderon 340 emerxencias en 2011, das que o 65% foron incendios

Dos 219 fogos nos que interviñeron os efectivos, o 70% producíronse principalmente en vivendas, locais, naves, vehículos e contedores de lixo, mentres que os restantes foron forestais. Realizaron así mesmo 47 excarcelacións e 23 rescates de persoas O complexo que contabilizou máis incidencias foi o de Vilalba, con 82; seguido dos de Barreiros e Sarria, con 78 cada un, e Viveiro e Chantada, con 51 tamén cada unO Consorcio contará en 2012 cun orzamento de 4,7 millóns de euros, 1 máis co pasado ano debido á incorporación do parque de Monforte á entidade, prevista para antes do verán

Os 5 parques integrados no Consocio Provincial de Bombeiros de Lugo atenderon durante o 2011, nos seus 7 primeiros meses de funcionamento, un total de 340 emerxencias, das que na súa gran maioría, un 65%, foron incendios. Segundo o informe de actuación dos complexos, dos 219 fogos nos que interviñeron os efectivos o pasado ano, 159 (o que supón o 70%) tiveron lugar principalmente en vivendas, locais e naves (87), vehículos (35) e contedores de lixo (27). Os restantes incendios (60) foron forestais, producíndose a maior parte deles nos Concellos ós que prestan servizo as instalacións de Vilalba (con 21) e Chantada (con 18). Á marxe dos fogos, os parques de bombeiros encargáronse doutras 121 actuacións, entre outras: 47 excarcelacións, 23 rescates de persoas, 11 fugas de auga ou gas, e 5 limpezas de estradas.

O complexo que rexistrou un maior número de incidencias durante o 2011 foi o de Vilalba, con 82; seguido dos de Barreiros e Sarria, con 78 cada un; e Viveiro e Chantada, con 51 tamén cada un. O desglose da actividade por parques é o seguinte:

Vilalba: Das 82 actuacións, 56 (o 68%) foron incendios, 21 forestais e os 35 restantes en inmobles, vehículos e mobiliario urbano. Foi o parque que realizou máis excarcelacións (17); e ocupouse de 3 rescates de persoas e 2 fugas de auga ou gas. Os meses que concentraron unha maior actividade foron agosto, setembro e outubro, con 17, 11 e 18 saídas, respectivamente. Aínda que polo xeral a localidade que rexistra máis incidencias é a máis habitada, no caso do parque vilalbés esta regra non se cumpre, sendo Rábade, con 27, e Xermade, con 13, os municipios con máis sinistros atendidos, principalmente incendios forestais e en vivendas e locais. Pola contra, en Vilalba rexistráronse 3 emerxencias.

Barreiros: Con 78 actuacións, o 59% (un total de 46) leváronse a cabo para extinguir incendios, 9 deles forestais e os 23 que restan en inmobles, vehículos e mobiliario urbano. Houbo 9 excarcelacións e outros tantos rescates de persoas, 6 fugas de auga ou gas e 2 limpezas de estradas. Maio (con 11), xuño (14), xullo (11) e outubro (14) son os meses con máis incidencias e os concellos con máis sinistros: Foz (con 24); Burela (con 13); Mondoñedo (con 11) e Ribadeo (con 10).

Sarria: Rexistráronse 78 alertas, das cales 47 (un 59%) foron incendios, 9 forestais e 36 en vivendas, locais, naves, vehículos e mobiliario urbano. Contabilizáronse 11 excarcelacións e 7 rescates de persoas. A media mensual de incidencias foi semellante ó longo do ano, aínda que destacan xullo, con 15, e agosto, con 11, mentres que a cabeceira da comarca, Sarria, foi o concello no que se atenderon máis sinistros, 43, seguido a moita distancia de Baralla, con 11.

Viveiro: Os efectivos do parque de bombeiros encargáronse de 51 incidencias, 33 delas (o que supón un 65%) foron incendios, dos que a gran maioría (30) ocorreron en inmobles, vehículos e mobiliarios urbano, e tan so 3 nos montes. Ocupáronse de 4 excarcelacións, 1 fuga de auga e 2 rescates de persoas. Os meses de máis incidencias foron novembro e decembro, con 10 saídas cada un, e xullo, con 9. Viveiro foi o Concello onde se contabilizaron a maior parte das actuacións (38), seguido a moi longa distancia por Cervo, con 9.

Chantada: O complexo chantadino ocupouse de 51 sinistros. Deles, 37 (un 72%) foron incendios: 18 forestais e 19 doutra índole. Houbo 6 excarcelacións, 2 rescates de persoas e 2 fugas de auga ou gas. Os meses que concentraron un maior número de emerxencias foron os de xuño e outubro, con 10 cada un, e agosto, con 9. Chantada rexistrou a maior cantidade de sinistros, con 22, seguido de Monterroso, con 6.

O obxectivo é cubrir o 100% do territorio

Mentres a cobertura contraincendios no norte da provincia é do 100%, esta porcentaxe redúcese ó 90% na totalidade da provincia. É por iso que un dos retos da Deputación, tal e como avanzou o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, no seu discurso de investidura, é que os 67 Concellos lucenses conten con este servizo. Ata o momento, esta institución logrou que Lugo deixase de ser a única provincia galega sen cobertura contraincendios. Para elo, en 2008 impulsou xunto ó anterior Goberno galego o Consorcio Provincial de Bombeiros, un organismo asumido ó 50% por ambas as dúas administracións, que puxo en marcha o pasado mes de maio os complexos de Barreiros, Vilalba, Viveiro, Chantada e Sarria, saldando así unha débeda histórica coa provincia.

Na zona norte, os parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro dan cobertura a 25 Concellos: Abadín, Alfoz, Barreiros, Burela, Begonte, Cospeito, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. Na zona sur, os de Chantada, Sarria e, en 2012 o de Monforte de Lemos, prestan servizo a outros 25: Antas de Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, O Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela. De calquera xeito, o ámbito territorial adscrito á cada un dos parques ten independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo, tanto a nivel comarcal, como provincial ou mesmo autonómico.

Integración de Monforte

Tal e como aprobou por unanimidade o pleno do Consorcio hai preto dun mes, a entidade contará cun orzamento de 4,7 millóns de euros para este ano 2012, achegado ó 50% por Deputación e Xunta. A cantidade increméntase nun millón de euros con respecto ó 2011 debido á incorporación do parque de Monforte de Lemos, que se fará efectiva antes do vindeiro verán. De feito, o orzamento contempla unha partida de máis de 500.000 euros para a mellora e a adaptación das instalacións monfortinas co fin de que este complexo teña as mesmas características cós outros 5 parques do Consorcio. Con esta consignación presupostaria adquiriranse 1 camión bul e outro lixeiro, quedando 4 vehículos preparados para cubrir emerxencias ó igual que nas restantes instalacións contraincendios. Tamén se mercará todo o material interior necesario, é dicir, dende mobiliario ou material informático ata traxes de protección ou ferramentas. Este investimento nas instalacións monfortinas respostan ás necesidades detectadas polos técnicos na súa visita a este complexo. Ademais, tamén se iniciará a selección de persoal para o parque.