Deputación de Lugo

Sete novos Concellos súmanse ó Servizo Provincial
de Recadación

Con estas novas incorporacións xa son 43 as entidades locais que delegaron a recadación de tributos

O Deputado provincial de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, anunciou este luns que sete novos Concellos veñen de sumarse ó novo Sistema Provincial de Recadación. Con estas incorporacións, xa son 43 municipios os que delegaron á Deputación á recadación de tributos. Gato Soengas avanzou que o vindeiro dous de abril o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, asinará os respectivos convenios de delegación de impostos cos Alcaldes dos Concellos de Abadín, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Láncara, Paradela, Pedrafita do Cebreiro e A Pontenova. Antonio Gato subliñou que “o servizo será o que os Concellos pretendan que sexa”. Dixo que “a actual Deputación é contraria á filosofía que había co anterior equipo de goberno. Agora non pretendemos ter ingresos en función da taxa recadatoria”. Para Gato Soengas, “a demostración máis clara disto é que se rebaixou a taxa de recadación do 6% ó 4%. Ademais, se se adhiren todos os Concellos da provincia, o unha gran parte deles, será posible reducir aínda máis esa taxa”. O responsable de Cooperación cos Concellos destacou que faltan por sumarse moitos municipios grandes, o que obriga ós pequenos a soportar o gasto que significa, sobre todo, a recadación executiva. “Estamos vendo que hai Concellos cun nivel recadatorio importante que deberían estar adheridos porque o servizo sería máis eficiente”. Pero ademais, na opinión Gato Soengas, “e respetando sempre a autonomía municipal, deberían facelo por razóns de solidaridade, xa que sería moi convinte para o servizo e para todos os Concellos”. Gato Soengas lembrou que as entidades locais que xa se adheriron “están recibindo anticipos todos os meses, o que lles permite contar con recursos polos que antes tiñan que esperar, así como planificar os gastos correntes diarios”. Sinalou que neste momento están pendentes de delegar os seguintes Concellos: Barreiros, Bóveda, Burela, Cervo, O Corgo, Cospeito, Chantada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Pantón, Sarria, O Valadouro, Vilalba e Viveiro. Gato Soengas lembrou que os de Lugo e Monforte xa teñen o seu propio servizo de recadación, pero confía en que a gran maioría do resto de sumen á iniciativa. Acordos Xunta de Goberno O voceiro do grupo provincial socialista fixo este anuncio na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno na que se aprobou, entre outros asuntos, a adxudicación das obras ce pavimentación dos accesos ós núcleos da parroquia de Penamaior, no Concello de Becerreá. O proxecto foi adxudicado á empresa Asogal Construcións S.L., por un impornte de 422.496 euros. O prazo de execución é de un mes.