Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo intensifica as súas actividades de carácter medioambiental

Imaxe deputación de lugo
Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o Presidente da Deputación visitará os hortos ecolóxicos que SUPLUSA e a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo están a levar a cabo no río Rato

A Deputación de Lugo intensifica as súas actividades de carácter medioambiental coincidindo coa celebración do Congreso Provincial de Medio Ambiente que se desenvolverá na cidade desde o 2 ó 6 de xuño e coa conmemoración do día 5, como Día Mundial do Medio Ambiente. Deste xeito, o día 2, 20 alumnos do Curso de Iniciación á Rede Internet, impartido polo Institituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social xunto coa Consellería de Traballo e financiado polo Plan FIP, visitará o Centro de Interpretación Terras do Miño. Asimesmo, o martes 3, os asistentes do XXXVI Curso de Saúde Ambiental- Congreso Provincial de Medio Ambiente realizarán unha visita a distintos puntos da Reserva da Biosfera Terras do Miño. O día 5, Día Mundial do Medio Ambiente, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Delegado de Medio Ambiente en Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, visitará os hortos ecolóxicos que a Sociedade Urbanística Provincial está a levar a cabo en colaboración coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, logo de que SUPLUSA sacase a concurso un proxecto que permite revitalizar e dinamizar as zonas verdes de Lugo. Esta colaboración enmárcase dentro do obxectivo de embelecer as zonas verdes e dentro da aposta que fai a Deputación polos usos sostibles. Neste senso, todas as persoas que utilicen o Paseo do río Rato de 17:30 a 18:30 horas recibirán unha pranta e un caravel. En total repartiranse 600 prantas: 200 xeranios, 200 petunias e outras tantas clavelinas. Ademais, dentro da aposta da Deputación polo medio ambiente a exposición “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” promovida polo INLUDES permanecerá aberta durante os días da celebración do Congreso na Capela de Santa María en horario de 10:00 a 14:00 horas. Deste xeito, técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social, ofrecerán a todos os visitantes da mostra unha visita guiada, proxección de audiovisuais e documentación sobre os espazos naturais da provincia.