Deputación de Lugo

O MUSEO PROVINCIAL ACOLLEU A PRESSENTACIÓN DA CAMPAÑA
UN FURACÁN DE SOLICARIEDADE CON CUBA

Imaxe deputación de lugo
O cantautor Norge Batista foi o encargado de poñer a nota musical a este acto de solidariedade organizado pola asociación ABRIGA

A Asociación Brigadista de Galiza (ABIGA) presentou, no museo provincial de Lugo, a campaña Un Furacán de Solidariedade con Cuba. Neste acto de presentación da campaña de recollida de materiais para o pobo cubano participaron, por parte de ABRIGA, Carlos Castro e Manuel Pumariño que, na súa intervención, informaron do desenvolvemento da campaña e do funcionamento desta asociación que promove a cooperación internacional favorecendo os vínculos de amizade e solidariedade entre os pobos. O acto contou coa presenza do cónsul da República de Cuba, Alejandro Fuentes e do deputado responsable da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro. O acto pechouse cunha actuación do cantautor cubano Norge Batista. Na súa intervención Antonio Veiga destacou o importante traballo que organizacións como ABRIGA están a realizar a prol do pobo cubano para que, “a pesares de todas as dificultades motivadas pola situación política internacional, o pobo cubano reciba a axuda necesaria para que poidan recuperarse dos devastadores efectos dos furacáns que neste ano asediaron a illa”. Esta campaña, presentada por ABRIGA, ten por obxecto recoller materiais médico, escolar, deportivo que contribúan a mellorar a situación dos cubanos e cubanas tras os últimos furacáns. ABRIGA solicita, tamén, materiais de construción, xardinería, eléctrico e ferramentas, que permitan desenvolver os traballos de reconstrución necesarios na illa sometida a un embargo que limita as posibilidades de obtención de determinados bens. Recentemente a Illa de Cuba viuse azoutada por diversos fenómenos meteorolóxicos de diferentes dimensións e características que provocaron grandes danos en máis de 300.000 vivendas, máis da metade da produción agraria e das industrias víronse afectadas por importantes danos estruturais que tamén afectaron ao tecido eléctrico. Foron evacuadas a lugares seguros máis de 2.600.000 persoas que, en moitos casos, viron seriamente danados os seus lugares de residencia. ABRIGA – ASOCIACIÓN BRIGADISTA DE GALIZA A Asociación Brigadista de Galiza (ABIGA) é unha asociación cultural e de cooperación para o desenvolvemento se ánimo de lucro que ten, entre outros, fins, promover actividades de cooperación internacional favorecendo os vínculos de amizade e solidariedade entre os pobos e progreso dos valores humanos. Entre as diversas actividades realizadas por esta asociación destacan a formación e estancia dunha brigada de traballo en Cuba no verán de 2007 e outras accións de carácter divulgativo.