Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa na presentación do I Foro Atrévete a Exportar da Cámara de Comercio de Lugo

Coa iniciativa preténdese dar unha visión xeral da actividade exportadora e animar ós empresarios a que inicien este camiño

A internacionalización é unha opción a ter en conta para mellorar a competitividade dunha empresa O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto co Presidente da Cámara de Lugo, Mosteirín Castañar, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director comarcal de Caixanova, Fernández Vidal, participou este xoves na presentación do I Foro Atrévete a Exportar, que terá lugar os días 14 e 15 de outubro no edificio Forcam da Cámara de Comercio. Este Foro, que nace con vocación de continuidade, enmárcase dentro das iniciativas do ente cameral destinadas a dinamizar o sector empresarial a través da internacionalización. Gómez Besteiro, centrou a súa intervención na importancia da proxección internacional que deben ter as empresas. Así explicou “as empresas non só deben tomar decisións estratéxicas tendo unha visión local ou nacional senón cunha perspectiva de proxección internacional. Polo tanto, os mecanismos de internacionalización deixan de ser opcionais para converterse practicamente en actuacións necesarias para a supervivencia e incremento ante unha competencia cada vez máis global”. Na súa intervención, Mosteirín Castañer sinalou que “o Foro pretende ser un elemento dinamizador para animar e invitar ás empresas a iniciarse no campo da exportación neste mundo globalizado no que vivimos”. Ademais destacou que o programa “diseñámolo cun modelo ameno e cómodo no que entremezclamos charlas sobre contidos xenéricos relacionados coa exportación e informes sobre países determinados, desenvolvidos por expertos nos mesmos, ademais de adicar unha parte a casos reais de empresas lucenses exportadoras, participantes en diferentes programas da Cámara. Trátase, continuou, de dar unha visión o máis ampla posible da actividade exportadora e tratar de animar ós empresarios e emprendedores a que inicien este camiño”. Esta actividade ten como público obxectivo empresas exportadoras, empresas con potencial exportador e axentes de desenvolvemento local que traballan na dinamización empresarial en distintos puntos da provincia. Na súa intervención, o presidente da Cámara fixo fincapé na importancia que ten o comercio internacional hoxe en día. Neste senso, sinalou “que a exportación é sen dúbida unha necesidade e aquela empresa que non aposte polos mercados internacionais pode ter serios problemas, pois estes cada vez son máis globais e hai que buscar a vantaxa competitiva alá donde esta se produza. Para ir valorando todos estes factores serven, entre outros, os actos como o que estamos presentando. A partir de aquí, xa intervén a propia iniciativa empresarial”. Pola súa banda, López Orozco destacou a importancia dos mercados exteriores como un dos obxectivos principais dos emprendedores. Neste senso, sinalou que “os últimos datos relacionados co emprendemento indican que case o 40% das iniciativas que nacen consideran os mercados internacionais como o seu mercado obxectivo. Tendo en conta estas cifras, a tendencia debe seguir por este camiño, e para iso é fundamental fomentar unha maior cultura emprendedora entre a mocidade, achegarlles o mundo da empresa e o espírito emprendedor ata as escolas. As institucións debemos investir recursos na formación dos nosos mozos e mozas para contribuír á posta en valor dos grandes cerebros”. Fernández Vidal, recalcou que a colaboración entre administracións é moi importante para axudar á mellora das empresas, “unha mostra delo é o Foro que hoxe se presenta, e no que Caixanova participa como parte dun convenio marco asinado coa Cámara de Lugo”. Vidal considera que a súa empresa, ademais, debe estar aquí presente como exemplo de internacionalización. “Temos oficinas en varios países de Sudamérica e proximamente abriremos catro máis en Estados Unidos. Nós consideramos que a apertura de novos mercados é vital e animamos ás empresas a seguir este exemplo”. Programa do Foro O Foro Atrévete a Exportar, organizado pola Cámara de Lugo, conta coa financiación do FEDER, Caixanova e coa colaboración do Concello de Lugo e a Deputación. No programa, que se desenvolverá ó longo de dous días, combínase con distintas ponencias relacionadas co comercio exterior e con determinados países, así como coa participación de empresas luguesas que explicarán a súa experiencia internacional. Polo que se refiere ás ponencias relacionadas co comercio exterior, o que se pretende é atender tanto ás necesidades das empresas que descoñecen o mundo da exportación, como das empresas que xa teñen certa experiencia neste campo. En canto ós países elexidos no programa deste Foro, a selección fíxose tendo en conta as peticións recibidas directamente ou indirectamente por parte das empresas, no departamento de comercio exterior da Cámara. En concreto, e no caso de países como Polonia, Rumanía ou Marrocos, tívose en conta a petición de empresas relacionadas co sector da construcción, que exportan case obligadas debido á situación na que está nestes momentos o mercado local. No caso de China, a selección realizouse atendendo ó número de consultas ç sobre como facer compras neste mercado. A charla será de utilidade para calquera empresa que teña necesidade de obter información sobre como xestionar as súa compras en terceiros países. Un dos puntos máis destacados do Foro será a intervención de catro empresas lucenses que relatarán a súa experiencia empresarial relacionada co seu proceso de internacionalización e a participación en diferentes programas de promoción exterior da Cámara de Comercio.