Deputación de Lugo

Preto de 500 persoas participan no primeiro mes de “Km0”

Imaxe deputación de lugo
Os meses de 2008 están case cubertos e hai moitas solicitudes de colexios para 2009

O conxunto monumental de San Vicente do Pino e o Museo de Arte Sacra de Monforte de Lemos están incluídos na ruta deste mércores Preto de 500 persoas participaron no programa de visitas “Km0” desde a súa posta en marcha o 2 de setembro. Esta iniciativa ten por obxectivo dar a coñecer ós lucenses tanto o traballo que está a desenvolver a Deputación como a riqueza patrimonial, paisaxística e medioambiental da nosa provincia. Entre os participantes nas rutas organizadas en setembro, houbo varios nonaxenarios e algún case centenario que se animaron a visitar algunha zona da súa provincia na que non estiveran antes. O éxito desta iniciativa reflíctese na alta demanda rexistrada. As prazas dos meses que quedan do ano 2008 están practicamente cubertas, e xa hai moitas solicitudes para 2009, sobre todo de colexios da provincia. A Ribeira Sacra segue a ser o destino máis demandado, seguido da Mariña, O Courel e Os Ancares. A resposta tamén foi moi positiva no stand de “Km0” instalado no terceiro “Salón Internacional de Caza, Pesca e Natureza, Sidenatur”, no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. Houbo moita demanda de información sobre o programa, as distintas rutas e o xeito de inscribirse. Arte Sacra en Monforte de Lemos Esta é a primeira semana na que participan dous grupos formados por persoas que solicitaron, de xeito individual, participar en “Km0”. Un destes grupos, formado por veciños do Concello de Lugo, foi recibido este mércores pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, no Pazo de San Marcos. A ruta elexida incluíu o Mazo de Santa Comba. A continuación, desprazáronse ata Monforte de Lemos para visitar o conxunto monumental de San Vicente do Pino (mosteiro benedictino, torre da homenaxe e museo) e o Museo de Arte Sacra no Convento das Clarisas. A visita rematará no mirador do Duque no río Sil. Mañá o lugar elexido tamén é a Ribeira Sacra. Un grupo da asociación Fonte do Castelo, de Vilalba, coñecerá, en primeiro lugar, a insua de Burneiros e a Casa Grande da Fervenza. Xa no sur da provincia embarcarán nun catamarán en Chancís para facer un percorrido polo Sil e visitarán os muíños de Xábrega en Arxemil. A visita de onte, na que participou un grupo formado por solicitantes individuais, desprazouse ata a Mariña, onde visitaron, entre outros lugares, a praia das Catedrais, no Concello de Ribadeo.