Deputación de Lugo

A Deputación propoñerá ó Ministerio de Fomento que contemple na A-56 dous enlaces no treito entre Chantada e A Barrela

A Xunta de Goberno aprobou 6 contas xustificativas do Plan de Cooperación de Comunidades Veciñais de 2007

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un informe do servizo de Vías e Obras sobre o proxecto do trazado da autovía Ourense-Lugo (A-56), no treito San Martiño-A Barrela Norte, no que se propón ó Ministerio de Fomento que contemple dous enlaces para facilitar a comunicación desta vía de alta capacidade con Chantada e A Barrela (Carballedo). Segundo sinalou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, no estudo informativo contemplábanse dous enlaces (A Barrela Norte e Chantada Sur), pero no proxecto de trazado que está agora sometido a información pública óptase só por un, situado a 1,5 quilómetros ó norte da anterior localización prevista para o enlace da Barrela. Antonio Gato Soengas dixo que “a Xunta de Goberno acordou propoñer ó Ministerio que se manteñan os dous enlaces inicialmente previstos porque facilitaría unha mellor accesibilidade entre a autovía e os Concellos de Carballedo e Chantada. Así quedarían mellor servidas as infraestruturas destes dous municipios”. Antonio Gato Soengas tamén afirmou que “este proxecto non afecta a ningunha estrada de titularidade provincial e considérase axeitado desde os puntos de vista ambiental, económico e funcional”. Outros acordos Xunta de Goberno Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou socilitar á Consellería de Traballo dúas subvencións para a prórroga do contrato do axente de emprego e desenvolvemento local que traballa na actualidade na Deputación e a contratación dun segundo por un periodo, en ambos casos, de 12 meses. Estas axudas da Xunta de Galicia están destinadas á contratación de axentes de emprego e desenvolvemento dentro do ámbito de colaboración coas Entidades Locais, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e xeración de postos de traballo no ámbito local. Os axentes de emprego e desenvolvemento local teñen, entre outras funcións, a promoción de proxectos empresariais; o apoio e consolidadación das empresas xa existentes; o asesoramento en materia de emprego (axudas oficiais, oportunidades de negocio...); estudos de necesidades formativas, etc. O órgano de goberno da Deputación tamén aprobou 6 contas xustificativas de obras do Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais de 2007. Os proxectos suman un presuposto total de 69.283 euros, dos que a Deputación achega 44.620 euros. As obras corresponden ós Concellos da Fonsagrada, Láncara, Lourenzá e Ourol.