Deputación de Lugo

A Fundación TIC dependente da Deputación colabora na restransmisión do partido Breogán- Ciudad
La Laguna

Imaxe deputación de lugo
O encontro de play off de ascenso á ACB restransmitirase en directo na televisión canaria e en diferido en Telelugo

Un equipo formado por profesionais e bolseiros da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, prestará apoio técnico para retransmisión do partido de play-off de ascenso á Liga ACB entre o Breogán e o Ciudad La Laguna. O encontro, que comezará ás 20:45 horas no Pazo provincial dos Deportes, será retransmitido en directo pola Televisión Autonómica de Canarias e en diferido, a partir das 23:00 horas, en Localia-Telelugo. Para dar cobertura ó partido, ademais do persoal, a Fundación TIC pon a disposición das devanditas canles de televisión unha unidade móbil e varias cámaras dixitais. Esta iniciativa, xunto coa retransmisión dos partidos do Clube Deportivo Lugo da tempada 2007-2008 ou acontecimentos sociais como a ordenación episcopal do novo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, inclúese no programa de formación práctica dos alumnos da Fundación TIC. Ademais, a Deputación de Lugo, a través da colaboración desta Fundación, quere apoiar ó deporte lucense que contribúe decisivamente á promoción da nosa provincia. Breogán e Ciudad La Laguna xogan este serán o primeiro encontro do play off que decidirá cal dos dous equipos acudirá a Cáceres, onde sairá o equipo que ocupará a segunda praza de ascenso á Liga ACB.