Deputación de Lugo

Antonio Gato defende a transparencia na tramitación das contas xustificativas de obras do Plan de Comunidades Veciñais

O voceiro provincial socialista anunciou que proximamente darase a coñecer o estado no que se atopan as obras incluídas nos Plans de 2005, 2006 e 2007

A Xunta de Goberno aprobou este luns 9 contas xustificativas de obras correspondentes ós Plans de Cooperación con Comunidades Veciñais dos anos 2005, 2006 e 2007. En total suman 25.214 euros, dos que a Deputación achega 12.168 euros. As obras corresponden a Comunidades dos Concellos de Castro de Rei, O Corgo, Láncara, Paradela, Pobra de Brollón, Samos, Trabada e Viveiro. Neste senso, o voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, sinalou que “precisamente os Concellos de Castro de Rei, Láncara e Samos estaban gobernados polo Partido Popular, polo que me sorprenden as últimas declaracións realizadas polo señor Barcia. Unha vez máis, este Deputado manifesta un escasísimo rigor no exercicio do seu papel de oposición na Deputación de Lugo”. Deste xeito, Gato Soengas respostaba ás declaracións do voceiro provincial do Partido Popular nas que acusaba ó Deputado socialista de “dobre moral”. Para o responsable da Área de Cooperación cos Concellos esta afirmación “carece de fundamento, xa que as obras, incluídas no Plan de Comunidades Veciñais, tramítanse no Servizo correspondente sen que este Deputado Delegado inflúa nos funcionarios que levan a cabo ese traballo. Ademais, hai unha serie de Comunidades que nin sequera achegan a documentación necesaria para xustificar a obra”. Para Gato Soengas o Deputado do PP “xoga coa dignidade dos funcionarios do Servicio, dado que pensa que son manipulables. Os populares si que teñen dobre moral se pensan que o Deputado Delegado dá prioridade ás obras ubicadas en Concellos socialistas”. O voceiro provincial socialista sinalou que a Deputación está pagando obras que corresponden ó ano 2005 e que eran competencia do anterior equipo de goberno. “En marzo de 2005 convocáronse subvencións para Comunidades Veciñais e nós accedemos ó goberno en xullo de 2007. En realidade pasaron dous anos e medio e o PP, partido que gobernaba naquel momento, foi incapaz de pagar as subvencións. Agora tócanos a nós facer este traballo. O mesmo acontece coas de 2006”. Gato subliñou que os peticionarios dos anos 2005, 2006 e 2007 eran no 99% dos casos militantes do Partido Popular, “polos que, teóricamente, non deberiamos sentir aprecio ou simpatía. Os populares tiñan que ser rigurosos e menos demagóxicos e non xogar coa dignidade dos funcionarios”. O voceiro provincial socialista anunciou, tamén, que nos vindeiros días daranse a coñecer todos os datos que permitirán “ver que papel xoga o goberno provincial neste proceso no que se nos acusa de dobre moral sen ningún tipo de fundamento. Faremos un resumo con datos claros de cada unha das obras”. Un instrumento “útil e rápido” para os Concellos pequenos Antonio Gato, na rolda posterior á Xunta de Goberno, tamén anunciou que xa se están enviando as cartas ós Concellos de menos de 5.000 habitantes que poden acollerse ó novo sistema de axudas posto en marcha polo organismo provincial. A convocatoria e o modelo de solicitude saíron publicados no Boletín Oficial da Provincia de hoxe e as bases poderán consultarse na páxina web da Deputación e no Servizo correspondente. No escrito comúnicaselles ós municipios que recibirán unha subvención de 22.100 euros, dos que a Deputación achega o 70%, 17.000 euros, e o Concello o 30% restante, 5.100 euros. “Este é un instrumento novo de Cooperación que pretende ser rápido, sinxelo e útil”, engadiu Gato Soengas. Os Concellos teñen de prazo ata o 31 de agosto para remitir a documentación requerida. “A carta está saíndo con destino ós Concellos e agardamos que estes fagan as súas propostas para poder realizar o Plan rapidamente e ó mesmo tempo iniciar as obras no ano no que estamos. Creo que vai ser unha actuación ben recibida por estes Concellos, que son os que están necesitados de máis axudas e de recursos de financiaciamento”. Outros acordos da Xunta Con carácter urxente aprobouse a subvención de 19.380,83 euros concedida ó INLUDES pola Consellería de Traballo para a contratación de dous técnicos en orientación para realizar tarefas de información, busca de emprego e captación de orfertas no Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social. O periodo de contratación é de 3 meses e 17 días. Deste xeito, logo de que a proposta fose aprobada pola Xunta de Goberno, realizarase a convocatoria pública para iniciar o proceso selectivo. Estas subvencións que concede Traballo están financiadas a través de fondos estruturais do Fondo Social Europeo (70%) e da Xunta de Galicia (30%). Neste senso, a aportación que fai o FSE é de 13.566 euros e a Xunta de 5.814. Tamén se aprobou a desestimación das alegacións dos titulares afectados polos expedentes de expropiación dos viais: “praia Angueira a punta San Bartolo”, en Barreiros, e “Xove por Monte a Valcarría”, no que se efectuaron traballos de mellora de seguridade, no punto quilométrico 1,4000 ó 3,000. Neste caso, considéranse que as valoracións realizadas polos propietarios son excesivas, polo que se desestiman as alegacións presentadas. A tramitación do expedente remitirase ó Xurado de Expropiación de Galicia.