Deputación de Lugo

Encargadas 5 bombas nodrizas pesadas para os parques da nova rede provincial de bombeiros

Os vehículos contraincendios serán entregados, como máximo, a finais do mes de novembro

A Presidenta da Deputación en funcións, Lara Méndez, e o Deputado responsable da rede provincial de bombeiros, Claudio Garrido, anunciaron este xoves que a institución provincial xa encargou cinco bombas nodrizas pesadas para os cinco parques que integrarán a nova rede provincial de bombeiros. Neste senso, Lara Méndez destacou que “no ano que levamos ó fronte desta institución fomos dando pasos decisivos para este obxectivo, para nós estratéxico e prioritario porque estamos falando da seguridade dos vecinos e veciñas da nosa provincia”. Deste xeito, a Xunta de Goberno da Deputación aprobará o vindeiro luns a adxudicación provisional dos contratos de subministración dos vehículos contraincendios á empresa VEICAR S.L. “Estes días celebramos a mesa de contratación e a mellor oferta foi a da empresa VEICAR S.L. A adxudicación foi respaldada, e isto é importante, polo voto unánime de todos os grupos políticos presentes”, engadiu Lara Méndez. As máquinas, que prestarán o seu servizo no ámbito xeográfico provincial, terán como destino os cinco parques que conforman o futuro Consorcio Provincial de Bombeiros: Barreiros, Chantada, Sarria, Vilalba e Viveiro. A Presidenta en funcións, quen indicou que a finais do verán se asinará o Consorcio, destacou que “unha das máximas prioridades do Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e deste equipo de goberno é poñer en marcha a primeira rede provincial de parques de bombeiros, unha débeda históricas que arrastraba a nosa provincia e que nós sí estamos cumprindo”. As bombas nodrizas serán entregadas, como prazo máximo, a finais do próximo mes de novembro. Lara Méndez, subliñou que “isto é posible grazas ó convenio de colaboración asinado a principios deste verán polo Presidente da Deputación co Conselleiro de Presidencia e aprobado, posteriormente, polo Consello da Xunta e a Xunta de Goberno da Deputación. Deste xeito, os veciños desta provincia terán un servizo moderno que garantirá a súa seguridade e unhas necesidades que ata o de agora non estaban cubertas”. A este respecto, Méndez lembrou que no mes de xaneiro asinouse o protocolo para a creación dos 5 parques que se suman ós xa existentes en Lugo e Monforte de Lemos e ó de Barreiros, parado durante anos e que agora conta coa licenza municipal. Asimesmo, engadiu que, “froito da xestión eficaz do equipo de goberno, no mes de abril presentamos o edificio prototipo para os novos parques e, finalmente, no mes de xullo, asinamos o convenio de colaboración para a adquisición dos 5 vehículos dos que hoxe lles falamos”. A mellor oferta A compra dos 5 vehículos suma un total de 966.500 euros, cofinanciados con fondos FEDER a través da Consellería de Presidencia. A Deputación é a encargada da contratación da dotación material dos parques e de toda a tramitación necesaria para a súa posta en funcionamento, incluída a xestión das autorizacións. O Deputado responsable da rede provincial de bombeiros, Claudio Garrido, sinalou que a adquisición dos vehículos supón “o inicio dun compromiso político importante e que marca o que sería a posta en funcionamento dos parques”. Garrido explicou que o pasado 28 de xullo celebrouse na Deputación unha mesa de contratación onde se procedeu á apertura da documentación administrativa e económica de todas as empresas que presentaron proposicións, algunas galegas e outras procedentes doutros puntos de España. Neste senso, foron admitidas 5 empresas: ALBERT ZIEGLER ESPAÑA S.A, INTURASA PÉREZ RUMBAO S.A, ITURRI S.A, INCIPRESA S.A e, finalmente, VEICAR S.L., a empresa galega que presentou a mellor oferta. O responsable da rede provincial de bombeiros engadiu que na valoración de ofertas tívose en conta o servizo técnico e de mantemento que ofrecen as empresas, as mellores prestacións técnicas e de equipamento, o menor prazo de entrega e a mellor oferta económica. Características técnicas dos vehículos Garrido lembrou, tamén, cales son as principais características técnicas das cinco bombas nodrizas pesadas. Neste senso, indicou que contan cun motor diésel de potencia mínima de 280CV, tracción de 4x2 e cabina con dúas portas, tres prazas e cristais de seguridade. Os vehículos dispoñen, ademais, de todos os elementos de iluminación e sinalización que esixen as normas da UE. A cisterna de auga ten unha capacidade mínima de 8.000 litros. A bomba, pola súa banda, é centrífuga e construída en material anticorrosivo, resistente á auga do mar e cun eixe de aceiro inoxidable. Así mesmo, ten que poder funcionar co vehículo parado e durante os seus desprazamentos. Cada bomba nodriza está equipada cun terminal de comunicacións móbiles da rede Trunking da Xunta de Galicia, con GPS incorporado para o envío automático de datos por esta rede a unha base remota e conectores necesarios para a súa conexión co transceptor.