Deputación de Lugo

Continúa o cuarto curso de cestería da modalidade de médula de roten e vimbio

Para a elaboración dos cestos os alumnos empregan as médulas de roten, pranta de orixe asiática de grande versatilidade

A artesá, Idoia García, imparte desde onte o cuarto curso de cestería da modalidade: médula de roten e vimbio. Ata o 29 deste mes, os asistentes aprenderán a construír cestos nos que empregarán a médula de roten, pranta de orixe asiática que, debido á súa versatilidade, facilita o seu manexo para a elaboración deste tipo de cestos. A médula de roten é unha palmeira trepadora. Caracterízase polas súa ramas de gran lonxitude e de distinto calibre. O seu grosor vai desde o un ós seis milímetros. Neste caso, os participantes do curso manexan médulas cunha estrutura aproximada de tres milímetros. Dado o seu fácil manexo, na primeira semana os alumnos centraranse na aplicación e tecido deste material para logo pasar, nos vindeiros días, ó uso do vimbio. Nos dous casos, elaborarán cestos sobre base de madeira, base tecida, redonda e base ovalada. É o cuarto curso que se imparte desta modalidade, incluída na programación de verán de cestería do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Dispón de 40 horas de formación e desenvólvese de 16:30 a 20:30 horas no Centro de Cestería do río Rato. No obradoiro participan alumnos de todas as idades, desde nenos ata adultos.