Deputación de Lugo

O RESPONSABLE DA ÁREA DE DEPORTES PRESENTOU A SUPERCOPA DEPUTACIÓN

Os encontros xogaranse polo sistema de 3 en 1 e enfrontarán aos finalistas e ao campión da Copa Deputación cos clubes lucenses que militan nas máis altas categorías nas localidades de Mondoñedo e Burela

A Área de Deportes organizará outras actividades para conmemorar o 25º aniversario da Copa Deputación O responsable da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga presentou, esta mañá, os partidos da Supercopa Deputación de Fútbol que se celebrarán esta fin de semana nos estadios municipais de Mondoñedo e Burela. Antonio Veiga estivo acompañado polo delegado en Lugo da Federación Galega de Fútbol, Carlos Mouriz, e polos presidentes dos clubes participantes. Nesta competición que se disputará polo sistema de 3 en 1 enfrontaranse, o sábado 23 de agosto no Estadio Municipal de Mondoñedo “Viñas da Veiga” ás 18:00 horas, os equipos Atlético Muralla, S.D. Guitiriz e Escolas Deportivas de Lourenzá. O domingo 23 de agosto ás 18:00 horas no Estadio de “A Marosa” de Burela enfrontaranse os equipos: C.D. Lugo, C.F. Outeiro de Rei e C.D. Lemos. Antes do acto de presentación realizouse o sorteo que decidiu os emparellamentos para os encontros que se disputarán esta fin de semana. O sábado 23, o primeiro dos encontros, que se celebrarán no Estadio Municipal “Viñas da Veiga” de Mondoñedo, será entre os equipos Escolas Deportivas de Lourenzá e o Atlético Muralla de Lugo, o gañador deste encontro enfrontarase á S.D. Guitiriz. O domingo, día 24, celebrase a segunda competición e o gañador do encontro, que xogarán o C.D. Lugo e o C.D. Lemos, disputará a Supercopa co C.F. Outeiro de Rei que é o actual campión da Copa Deputación. Antonio Veiga anunciou tamén que durante este ano de celebración do 25º aniversario da Copa Deputación haberá outras actividades paralelas á competición como conferencias e xornadas técnicas nas que participarán destacados persoeiros do fútbol galego. Veiga lembrou o incremento da partida orzamentaria asignada a esta competición que este ano ascenderá a 80.000 € mentres que en pasadas edicións roldaba os 60.000 €. Veiga indicou que “dende a Área de Deportes apostamos por fortalecer o fútbol de base xa que entendemos que é o deporte máis popular e grazas a el en todos os lugares da provincia é posible a práctica do deporte independentemente das infraestruturas deportivas e dos orzamentos dos clubes”.