Deputación de Lugo

A Deputación inviste 2,2 millóns de euros na sinalización das estradas provinciais

Gato destaca que este é o primeiro Plan integral de sinalización da rede viaria provincial “que na actualidade é moi deficiente”

A Xunta de Goberno acorda a adxudicación do contrato para asegurar as obras de arte que custodia a Deputación A Deputación destina 2.236.248 euros á sinalización integral da rede viaria provincial. A Xunta de Goberno acordou este venres a contratación deste Plan que estará dividido en dúas zonas: norte e sur. O voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, destacou que “esta é a primeira vez que a Deputación acomete un proxecto destas características para mellorar a seguridade vial nas estradas provinciais. Esta iniciativa inclúe sinalización horizontal, vertical, instalación de biondas e de balizas para neve e hitos quilométricos”. Gato Soengas lembrou que “cando chegamos ó goberno, a sinalización das estradas provinciais era moi deficiente”. As obras que se contraban entón non incluían, na maioría dos casos, o presuposto necesario para a sinalización. Pola contra, “todos os traballos de mellora e acondicionamento que realizamos agora inclúen a sinalización, porque consideramos que é imprescible ter unhas estradas nunhas condicións axeitadas de seguridade”. “Como vén é un esforzo inversor importantísimo, e con estes máis de 2 millóns de euros poderá actuarse en boa parte da rede provincial. Evidentemente, non se poderá actuar en todas as estradas, porque son máis de 4.000 quilómetros, pero completarase con novos proxectos e anos sucesivos”. Seguro dos bens da Deputación O Goberno provincial ratificou a adxudicación provisional do seguro de danos para bens mobles e inmobles da Deputación que inclúe por primeira vez as obras de arte que custodia o organismo provincial. A adxudicación foi a Banco Vitalicio de España por 44.844 euros. “Cando chegou este equipo de goberno a Deputación había unha carencia importantísima xa que as obras de arte, que na práctica totalidade están no Museo Provincial, estaban sen asegurar, algo gravísimo que mostra, unha vez máis, o xeito de traballar que tiña o goberno do PP. A nova póliza inclúe todos os bens en caso de roubo, danos ou incendio”. Por outra banda, acordouse a contratación das obras para rematar a ampliación do cemiterio de Guldriz e o acondicionamento do contorno e dos accesos, para o que se destinan 90.495 euros. Tamén se aprobou o presuposto para a modificación de liñas do tendido eléctrico afectadas por 4 obras en estradas provinciais de Cervo, Castro de Rei, Sarria e A Pontenova. A Deputación aportará o 50% do custe, que ascende a 26.163 euros. Deuse o visto e prace ó convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Castro de Rei para a posta a disposición de terreos propiedade da institución a este municipio da Terra Chá para a instalación de subministración de gas propano. Cederanse de balde este terreo durante 20 anos nos que se instalarán os depósitos de almacenamento, así como a ocupación correspondente do subsolo para a canalización necesaria. Ademais, a Deputación e a Academia Galega de Seguridade Pública renovarán o convenio de colaboración para a formación dos membros dos corpos da Policía Local e Bombeiros dos Concellos da provincia. Serán 6 cursos, 3 deles descentralizados, na Mariña e na zona sur, e os outros 3 celebraranse nas Aulas de Formación da institución provincial. Por último, aprobáronse 11 contas xustificativas correspondeste a obras dos Plans de Cooperación coas Comunidades Veciñais dos anos 2005, 2006 e 2007. As obras suman un presuposto total de 54.425 euros, dos que a Deputación achega 36.761 euros.