Deputación de Lugo

O Museo de Lugo acolle unha exposición de Baldomero Pestana

A mostra deste galego emigrado recolle unha colección de debuxos hiperrealistas que desbordan orde, perfección, xenerosidade e liberdade

Esta exposición permanecerá aberta, dende o 3 de setembro ao 2 de outubro no Museo de Lugo, e ocupará as salas 26 e 27. A mostra foi inaugurada polo asesor técnico da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Eduardo Fernández Abel, e contou coa intervención de Carmen Rico, que falou en nome do artista. Baldomero Pestana, fillo e neto de galegos, naceu no lugar de Pozos, en Pena-Castroverde, de onde con só catro anos emigrou para Bos Aires coa súa familia. Dende ben cativo amosou interese pola literatura e polo debuxo, que co paso de tempo foise convertendo na súa paixón. Na Arxentina fraguáronse as súas inquedanzas artísticas. Desenvolveu, ao longo da súa vida, diferentes traballos, entre eles o de fotógrafo. Exerceu como fotografo comercial na Arxentina e logo fotógrafo artístico no Perú. Alí acadou a nacionalidade peruana, sen perder nunca a súa de orixe, e alí retratou a tremenda realidade do país, a xente do pobo, a natureza, tamén as grandes figuras da literatura e a pintura latinoamericana do momento: García Márquez, Vargas Llosa, Pablo Neruda... Nos anos sesenta fixo un periplo por España duns nove meses, contratado daquela polo Ministerio de Turismo, dende o cal se editaron varios carteis seus. Nesa ocasión voltou a Galiza, á súa aldea, que tanto fotografou. Logo deste periplo viaxou a París, e despois de fotografar tantísimos pintores, movéndose sempre nese ambiente e vendo o traballo dalgúns deles, animouse a mostrar os seus debuxos coincidindo co gusto dos hiperrealistas, o que se chamou despois fotorrealismo. Os seus debuxos desbordan orde, perfección, xenerosidade e liberdade. Son verdadeiros documentos dunha sociedade, auténticas xoias do debuxo. Sempre traballa con documentos tomados por el e a súa técnica acomódase perfectamente á súa forma de ver fotograficamente os temas. Debuxa con lapis de grafito sobre papel “bristol”. Os temas que máis aborda son de París, persoas da rúa acompañadas de natureza morta.