Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia que este verán estará redactado o proxecto do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro

A empresa TRAGSA realizará o estudo de viabilidade e redactará o proxecto da dotación que a Deputación construirá nas instalacións de Castro de Rei

Diante de gandeiros da provincia, Gómez Besteiro destacou que “a idea que xurdiu fai un ano, agora comeza a ser unha realidade” A Deputación realiza obras de mellora nas estradas provinciais de Feira do Monte a Castro e Coto de A-Ansemar-Castro Riberas de Lea por valor de 2 millóns de euros A Deputación de Lugo e a empresa nacional de Transformación Agraria (TRAGSA) asinarán nos vindeiros días un convenio de colaboración para a redacción do estudo de viabilidade da Granxa Gayoso Castro e redacción do proxecto técnico do Centro de Recría que a institución provincial construirá na Granxa Gayoso Castro. Así o anunciou o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, na visita que fixo ás instalacións da Deputación en Castro de Rei. Gómez Besteiro explicou que “nestes días asinaremos o convenio con esta empresa para empezar a redactar o proxecto que permitirá dar outra dimensión a estas instalacións e montar o centro de recría. A idea é que nós podemos facer aquí o que outros fan fóra. Esta idea, que xurdiu fai un ano, agora comeza a cobrar realidade”. Perante membros de distintas cooperativas da provincia e acompañado do Deputado de Gandeiría, José María Arias, o máximo mandatario provincial destacou que o obxectivo é crear un Centro de referencia tamén no eido formativo. “Onte xa dixo o Conselleiro de Traballo que ía aportar o seu grao de area para a formación na Granxa. O proxecto estará redactado en seis meses, logo licitaremos as obras que rondarán os 5 millóns de euros e nun ano e medio quedará todo pechado”. Gómez Besteiro lembrou que dos 14.000 produtores de leite que hai en Galicia, 6.000 están na provincia de Lugo. De toda a cota láctea española, a Galicia correspóndelle dous millóns duascentas oitenta mil toneladas, e preto do 50% desta cantidade prodúcese en Lugo. 2 millóns de euros en obra pública O titular provincial visitou varias obras que a Deputación está a acometer no Concello de Castro de Rei e que contan cun investimento que supera os 2 millóns de euros. Deste xeito, acondicionará e saneará dous treitos da estrada provincial CP 1706 de Feira do Monte a Castro, desde o punto quilométrico 0,000 ó 2,700, e desde o 8,650 ó 11,850 nos Concellos de Castro de Rei e Cospeito. A obra, que se inclúe dentro do POS 2008, ten un orzamento de 1.041.000 euros. “Son máis de 300 millóns das antigas pesetas que se van investir neste Concello en dúas obras nas que aplicamos aglomerado en quente que é o que lle van dar durabilidade. Isto permítenos aforrar cartos xa que non temos que realizar continuas repavimentacións”. O organismo provincial tamén realizao afirmado, sinalización, ensanche e mellora da CP 1102 de Coto de A-Ansemar-Castro Riberas do Lea, desde o punto quilométrico 10,140 ó 11,060. Esta obra, que forma parte do POL 2006 e contempla a construción de beirarrúas en 250 metros ó comezo da estrada, conta cun investimento de 61.240 euros. Ademais, acondicionará o acceso ó Castro de Viladonga, desde o punto quilométrico 0,000 ó 10,240. Esta actuación ten un investimento total de 911.064 euros. “Trátase dunha reivindicación constante do Alcalde de Castro de Rei. É unha obra importante porque dá acceso ó centro etnográfico que vai ser un ben de interés comunitario”. Outros investimentos Gómez Besteiro explicou os outros investimentos que está a realizar a Deputación neste municipio. Deste xeito, sinalou que a través da creación voluntaria do Fondo Extraordinario da Deputación, dotado con 1,5 millón de euros e complementario do Fondo Estatal de Investimento Local, a este Concello correspondéronlle 40.664 euros. Asimesmo, dentro do Plan de mantemento da rede viaria provincial que divide a provincia en 13 zonas, Castro de Rei atópase cos Concellos de Meira, Ribeira de Piquín, Pol, Cospeito, Outeiro de Rei e Rábade na zona 4. O mantemento dos 318,075 quilómetros da rede viaria provincial destes municipios ascende a 883.456 euros. A Deputación xa asinou o convenio de roza 2009 con 6 Concellos: Viveiro, Burela, Riotorto, Chantada, Sarria, Monterroso e hoxe Castro de Rei. Deste xeito, o municipio da Terra Chá acometerá a xestión de 87,047 quilómetros de estradas provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 15.380 euros. A través do Plan de Comunidades Veciñais, Castro de Rei recibiu 35.999 euros que servirán para a execución de 6 obras: pintado exterior da igrexa de Triabá: 5.494 euros, acondicionamento da igrexa de Riberas de Lea: 9.878 euros, acondicionamento do terreo do cemiterio e auga escola-Duarria: 3.229 euros, pintado exterior da pranta baixa do local social de Pozo: 3.945 euros, limpeza e ensanchado camiño de Gulpilleiras: 2.598 euros, e reelectrificación do barrio da Vereda: 10.853 euros.