Deputación de Lugo

Aprobado o Presuposto 2009 do Consorcio Provincial de Bombeiros que ascende a 3,2 millóns de euros

Desde que tomou posesión o actual goberno provincial, Xunta e Deputación invistiron 9,5 millóns de euros na posta en marcha da rede provincial de bombeiros

Gómez Besteiro destacou o traballo levado a cabo conxuntamente coa Xunta de Galicia “porque hoxe podemos dicir: obxectivo cumprido. Hoxe tomamos decisións que van na liña da rapidez e da execución máxima” O Pleno aprobou o cadro de persoal que inclúe a contratación de 104 traballadores, que se distribuirán nos cinco parques O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este luns o segundo Pleno do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento desde que se constituiu o Consorcio no mes de febreiro, e no que o organismo provincial e a Xunta de Galicia aprobaron o Presuposto de 2009 que se cifra en 3.133.209 euros. Gómez Besteiro agradeceu o traballo levado a cabo polo Conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, o Delegado deste Departamento en Lugo, José Luis Edrosa, e a Direcetora Xeral de Protección Civil, Esther González, “porque hoxe podemos dicir: obxectivo cumprido. Deixamos o Consorcio constituído e hoxe tomamos a decisión na mesma liña que no último ano e medio que é a da rapidez, a da execución máxima e con moita confianza entre a Deputación e Xunta”. Gómez Besteiro explicou que, no que vai de mandato, a administración autonómica e a provincial levan investidos 9,5 millóns de euros, incluído o Orzamento aprobado. “O presuposto, aprobado por unanimidade, permite que a capacidade inversora siga igual ó tempo que nos permite facer unha previsión de persoal. Por primeira vez, os veciños da provincia van ter un servizo de primeira e, ademais, 100% público”. A responsable de Protección Civil en Galicia, Esther González, subraiou que “esperamos que a finais de ano estén todos os parques en funcionamento, tal e como dixo en varias ocasións o Conselleiro de Presidencia. Danse as condicións para que así sexa. Fixemos os deberes e fomos quen de facer que a provincia cambie o seu sistema de xestión de emerxencias”. Do Presuposto aprobado resérvanse 2.792.000 euros para investimentos nos cinco parques de bombeiros, incluído o de Barreiros, mentres que os 321.209 restantes son para a contratación de persoal. En total, os 5 parques terán 104 traballadores. A designación por cada un establécese do seguinte xeito: 1 Xerente, 1 Secretario-Interventor, 1 Técnico Xeral Administrativo, 1 Administrativo Contable, 1 Auxiliar Administrativo, 1 Xefe de Parque, 3 cabos bombeiros e 15 bombeiros condutores. A convocatoria das prazas quedará resolta antes do 1 de outubro, data a partir da cal comezará o proceso de contratación. Órganos reitores Na reunión do Consorcio, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, tamén participaron a Directora Xeral de Protección Civil, Esther González Saavedra, o Subdirector Xeral de Calidade de Protección Civil, Iñaki Bergareche, o Delegado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Lugo, Luis Rodríguez Edrosa, o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao, os Alcaldes de Barreiros, Alfonso Fuente, Viveiro, Melchor Roel Rivas, Vilalba, Gerardo Criado, Chantada, Manuel Taboada, e Sarria, Claudio Garrido, e o Secretario Xeral Adxunto, Jose Mourelle Cillero. O Consorcio Provincial de Bombeiros ten cinco órganos de goberno e xestión: o Pleno, a Comisión Executiva, a Presidencia, a Vicepresidencia e o Consello Asesor. O Pleno está integrado polo Presidente da Deputación, que exerce as funcións da presidencia, a Directora Xeral de Protección Civil, que exerce a vicepresidencia, dous Deputados provinciais (Claudio Garrido e Antón Bao) dous membros designados pola Xunta (o Subdirector Xeral de Calidade e Protección Civil e o Delegado da Consellería de Presidencia) e os Alcaldes dos Concellos onde se establezan os parques de bombeiros. O Pleno encárgase, entre outros asuntos, de organizar o Consorcio e aprobar tanto os orzamentos e a memoria anual como o cadro de persoal ou os proxectos de obra e servizo. O Pleno tamén aprobou o nomeamento dos membros que formarán parte da Comisión Executiva, entidade que aproba os proxectos de orzamentos do cadro de persoal e de obras e servizos, que son autorizados definitivamente polo Pleno. A Presidencia recae na Deputación e a Vicepresidencia na Consellería con competencias en protección civil. Finalmente, o Consello Asesor emite informes preceptivos sobre a memoria anual e as propostas de convenios e serve de comité asesor, entre outras funcións. Representando á Deputación: Deputado Provincial, Claudio Garrido Martínez (que presidirá a Comisión), e Alcalde-Presidente do Concello de Chantada, Manuel Anxo Taboada; representando á Xunta: Ignacio Bergareche Urdampilleta, Subdirector Xeral de Calidade da Protección Civil da Dirección Xeral de Protección Civil; e Secretario Adxunto do organismo provincial.