Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía organiza un curso de cestería catalá de xuncos para nasas de mar

Imaxe deputación de lugo
Esta fin de semana terá lugar o obradoiro de cestería de cana e vimbio mallorquina, “paner”

O Centro de Cestería do Río Rato acolle do 15 ó 19 de setembo o curso de Cestería catalá de xuncos. Gambina (nasa de mar), o oitavo dentro da programación de verán do Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación. Esta actividade será impartida polo artesán catalán Carlus Trijueque. A gambina é unha nasa de mar pequena que se empregaba preto da costa e que se elabora con xuncos e vimbio. Tivo presenza en varias zonas de España, incluída Galicia- localizouse algunha peza en Ortigueira- pero na actualidade desapareceu praticamente o seu uso. Co obxectivo de recuperar a técnica que se emprega para a súa elaboración, o artesnán Carlus Trijueque traballou con antigos mariñeiros da Costa Brava, que é a zona onde mellor se conserva. O obradoiro, de 40 horas, impártese en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Está dirixido a cesteiros profesionais ou noveis, artesáns doutras disciplinas e público en xeral. O curso ten 8 prazas, e a matrícula custa 40 euros. O programa inclúe a identificación dos materiais e ferramentas necesarios, técnica de cosido en rombo, preparación do embude e ensamble do corpo da nasa. Curso de “paner” Esta fin de semana o CENTRAD organiza o curso de Cestería de cana e vimbio mallorquina, “Paner”. O paner é un cesto típico da illa balear que se elabora con cana e vimbio. De pequenas dimensións e unha asa central, a técnica para a súa elaboración é sinxela polo que o curso é accesible a calquera interesado. O obradoiro impártirase en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, ten oito prazas e a matrícula custa 16 euros.