Deputación de Lugo

A construción de hórreos centra o curso de cestería que se desenvolve no río Rato

Os participantes aprenderán a técnica que se conservou en Galicia e no norte de Portugal ata o século pasado

Hoxe comezou no Centro de Cestería do río Rato o curso de cestería tradicional de vimbio no que os participantes aprenden a construír o hórreo típico galego tradicional tecido con varas e teito de colmo, que servía para gardar ferramentas, cereais ou mesmo curar queixos, xa que a súa estrutura impide que os animais poidan acceder ó seu interior. O hórreo conservouse en Galicia e no norte de Portugal ata principios do século pasado. Na actualidade tan só existen dous artesáns que o fabriquen. Un deles, Julio España, reside na localidade de Castro de Amarante, en Antas de Ulla. Con todo, aínda quedan restos da súa existencia en zonas do interior de Galicia como Lalín, Ourense e na provincia de Lugo, en Friol. Para a elaboración do hórreo, os asistentes comezan pola preparación da base formada por un marco de madeira de castiñeiro ou carballo para logo seguir coa fabricación do corpo e co ensamble da estrutura do teito elaborado con palla de centeo. O artesán Carlos Fontales imparte o obradoiro que dispón de 40 horas de formación. Desenvolverase ata o 17 de abril de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.