Deputación de Lugo

Alumnos da USC visitan o Centro de Interpretación Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
A visita inclúese dentro das “Xornadas sobre biodiversidade e medio ambiente” organizadas pola AENDA

50 alumnos da Universidade de Santiago visitarán mañá xoves o Centro de Interpretación Terras do Miño, así como o contorno do Paseo do río Rato. A actividade enmárcase dentro do programa previsto polas “Xornadas sobre biodiversidade e medio ambiente” organizadas pola Asociación para a Protección Animal e Vexetal (AENDA) da USC, e que se están a desenvolver na Facultade de Veterinaria desde o 2 ó 5 de marzo, e desde o 9 ó 10 deste mes. No encontro, que inclúe a visita ó Centro do río Rato, abórdase a protección do medio natural en Galicia desde o punto de vista da avaliación e estado de conservación dos medios terrestre, mariño e de auga doce. Tamén se ofrece unha visión dos distintos parques nacionais existentes na nosa Comunidade, como o das Illas Atlánticas, o complexo intermareal Umia-O Grove, ou do de Terras do Miño, xestionado directamente pola institución provincial. Deste xeito, técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), a través dunha visita guiada, amosarán ós participantes na iniciativa a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Con este visita, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. O venres, 6 de marzo, será a quenda do Colexio Nosa Señora do Pilar de Foz. O grupo de 50 escolares, con idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, terán a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.