Deputación de Lugo

Antón Bao asegurou na presentación de rexistros abertos que esta exposición abre unha nova etapa no Museo de Lugo

Con esta mostra, protagonizada por 25 artistas galegos, o museo abre os seus espazos á arte contemporánea de Galiza

O vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentou este martes a exposición Rexistros Abertos. Materias, Contextos e Narrativas na Arte Galega Actual que se poderá visitar no Museo Provincial ata o finais do mes de maio. A mostra, que se inaugura o próximo venres día 3 de abril, pretende achegarlle ao público en xeral unha parte do panorama plástico galego actual mediante unha escolma da obra de 25 artistas, moitos deles consagrados e de recoñecido prestixio en Galiza e fóra dela. Na súa intervención, Antón Bao salientou que Rexistros Abertos simboliza a “apertura dun novo ciclo” ao tempo que aseguraba que estes “son novos tempos para o Museo Provincial de Lugo”. Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Deputación recalcou que nesta nova etapa se primará a calidade fronte á cantidade. Ademais, destacou que nesta nova etapa os protagonistas da mostra e os verdadeiros creadores do espazo artístico son os propios autores dunha exposición que nos ensina unha panorámica da arte contemporáneo galega, pero tamén da arte lucense actual. “Novidosa” ou “renovadora” son algúns dos adxectivos que Bao empregou para definir unha mostra que pretende fomentar e divulgar a creación artística de máis de vinte autores de recoñecido prestixio entre todos e cada un dos lucenses que se acheguen ao Museo Provincial de Lugo para visitala. Logo disto, Bao explicou que a ampliación do tempo de permanencia das mostras no museo e a posta en marcha de varias actividades complementarias servirán para potenciar e dar a coñecer as exposicións e artistas vinculados a elas. Con Rexistros Abertos, o museo ábrese á creación actual a futuro prometedor para a arte e a cultura galega, onde o papel dos artistas lucenses é de suma importancia, asegurou Antón Bao. Pola súa banda, a comisaria da exposición, Verónica Santos, destacou a importancia e a vixencia destes 25 artistas, no panorama expositivo nacional, estatal e, incluso, internacional. Un autores que transportan o seu público “do local ao global” a través dun percorrido aberto e dunhas claves temáticas. Obradoiros, visitas guiadas e unha mesa redonda A directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, foi a encargada de explicar máis polo miúdo todas as actividades complementarias deseñadas con motivo desta exposición. Así, o día a inauguración da mostra, o vindeiro venres 3 de abril, ás 20:00 horas, a banda musical Estándar Sound amenizará o acto cun repertorio de música contemporánea e unha improvisación de jazz. Xa no mes de maio, concretamente o día 7 ás 19:30 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada “Visión abertas: abordaxe á arte galega actual”. A maiores, o día 28 dese mesmo mes terá lugar a actuación do grupo de vento do Conservatorio de Viveiro. Así, os días 28 de abril e 18 e 28 de maio realizarase unha visita comentada ás 19:30 horas. Ademais, tamén se organizarán visitas guiadas para grupos escolares destinadas a alumnos de 4º curso de educación primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ciclos formativos. Por último, cómpre salientar o inicio de dous obradoiros experimentais, o primeiro deles desenvolverase o sábado 25 de abril, entre as 11:00 e as 13:00 horas, da man de Arturo Vaquero, e o segundo dos talleres terá lugar o sábado 16 de maio da man de Iván Prieto. Poderán participar no curso un total de 15 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre 8 e 14 anos. O prazo de inscrición xa está aberto.