Deputación de Lugo

Gómez Besteiro supervisa obras da Deputación no Concello da Fonsagrada

O organismo provincial inviste preto de 1 millón euros neste municipio da Montaña

O Presidente mantivo reunións con veciños de varias parroquias nas que se están a realizar obras do Plan de Comunidades Veciñais O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este mércores o Concello da Fonsagrada onde o organismo provincial está a investir 876.214 euros. Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde da localidade, Argelio Fernández, comprobou in situ o traballo que están a realizar as máquinas do Parque Móbil provincial en vías municipais, así como varias obras incluídas no Plan de Comunidades Veciñais. O máximo responsable da Deputación apuntou que “non hai nada como estar cos veciños e ver como a Deputación lles pode solventar esas pequenas obras que lles fan a súa vida máis fácil. Estivemos con veciños das parroquias de Trobo, de Santa Xulia, de Fumaior… de tantas parroquias, neste caso da Fonsagrada, que se benefician deses 2,2 millóns de euros, máis de 360 millóns das antigas pesetas, que inviste cada ano a Deputación en pequenas obras na provincia”. En concreto, o Presidente visitou hoxe as obras de formigonado do acceso a Fumaior, de acondicionamento da fonte veciñal de Trobo e de remodelación do vial princial de Santa Xulia, incluídas no Plan de Comunidades Veciñais. O de 2008 contempla 7 obras de entidades veciñais da Fonsagrada ós que a Deputación achega un total de 32.648 euros. Gómez Besteiro dixo que “é moi gratificante ver este exemplo de colaboración entre os veciños e as administracións para darlle solución a problemas puntuais como a execución de pequenos abastecementos de agua potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, alumeados públicos, acondicionamento de camiños rurais etc”. Máquinas do Parque Móbil José Ramón Gómez Besteiro, xunto con Argelio Fernández, tamén supervisou as obras de acondicionamento da vía local entre a LU-740 e o núcleo de Maderne, na que está a traballar un equipo de rego do Párque Móbil da Deputación formado por 2 camións e 1 apisonadora. O Presidente destacou o importante esfozo que está a facer a Deputación para renovar o Parque Móbil, “unha actuación que é imprescindible para atender as necesidades dos Concellos da nosa provincia. Desde o organismo provincial, poñemos a disposición dos municipios da provincia a nosas máquinas para o arranxo, mantemento e limpeza das vías municipais”. Lembrou que o actual equipo de goberno aumentou o presuposto do Parque Móbil en 1.275.378 euros, o que representa un incremento de máis do 90%. En 2007 o orzamento era 1.348.538 euros e en 2009 ascende a 2.623.916 euros. Na actualidade, o Parque Móbil provincial, que conta con 125 vehículos, presta as súas máquinas ós municipios para que estes leven a cabo o arranxo das estradas de titularidade municipal. Outras actuacións O Concello da Fonsagrada súmase por primeira vez ó convenio para a xestión da roza das estradas provinciais que hai no seu termo municipal: 132,4 quilómetros. Para o desbroce destas vías, a Deputación destina 23.400 euros. Por outra banda, A Fonsagrada está inegrada na zona 8 do plan de conservación integral das estradas provinciais, xunto cos Concellos de Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. O mantemento dos 288,267 quilómetros destes tres municipios foi adxudicado para este ano por 788.622euros. Ademais, o Concello fonsogradino recibiu 31.544 euros do Fondo Extraordinario da Deputación que complementa o Fondo de Investimento Local do Goberno central. Esta cantidade corresponde ó 4% dos 840.340 euros.