Deputación de Lugo

Castro de Rei esixe ó Presidente da Xunta a que cumpra o compromiso manifestado hai un ano de manter o San Rafael

Imaxe deputación de lugo
Diante a parálise da administración autonómica, o equipo de goberno municipal levou a Pleno a proposta, xa que a eliminación do psiquiátrico suporá un forte impacto económico neste municipio

Membros da Corporación provincial apoiaron ó Concello e ó Alcalde, xa que este era un compromiso do titular autonómico asumido en xaneiro de 2009 O Alcalde subliña “eu entendía que aquí ían votar a favor. Parece que quen vai desmantelar Castro de Rei non vai ser o bipartito nin o equipo de goberno da Deputación, senón que vai a ser o actual Presidente da Xunta, o señor Núñez Feijóo” O Pleno de Castro de Rei aprobou este luns, coa abstención do Partido Popular, a proposta para instar ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a cumprir o compromiso manifestado diante os veciños deste Concello o 19 de xaneiro de 2009 de manter o hospital psiquiátrico en Castro de Rei. Dende a Deputación quíxose apoiar a este municipio coa presenza de membros da Corporación provincial. O Deputado de Urbanismo Miguel Ángel Sotuela, aseguraba que “a Deputación está presente para apoiar ó Alcalde e ó Concello na súa reivindicación de que esto siga como estaba. Nós non cambiamos de opinión, tanto o equipo de goberno municipal como o provincial segue mantendo que hai que manter as instalacións en Castro. Queremos que a Xunta cumpra co compromiso que fixo no seu día de manter esto como estaba. Agora ó que lle toca gobernar debe exercer, e cumprir co que no seu momento dixo”. Na proposta do goberno municipal faise referencia a que o pasado 20 de outubro se celebrara a reunión entre o titular autonómico e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o primeiro se comprometera a dar resposta definitiva ó futuro dos hospitais no prazo dun mes, é dicir, o 20 de novembro. Tendo en conta que xa pasaron case dous meses, dende o Concello consideran oportuno preocuparse polo futuro do hospital psiquiátrico. O Alcalde de Castro de Rei e Deputado provincial, Juan José Díaz Valiño, subliñou que “nos chama a atención o cambio de actitude do Partido Popular municipal porque hai que lembrar que foron eles quen convocaron a manifestación neste Concello a cal nós acudimos, porque como Alcalde sempre estarei nos actos que sexan de interese para os veciños, convoque quen convoque. Eu entendía que aquí ían votar a favor, pero abstivéronse. Parece que quen vai desmantelar Castro de Rei non vai ser o bipartito nin o equipo de goberno da Deputación, senón que vai a ser o actual Presidente da Xunta, o señor Núñez Feijóo. Aquí hai algo moi claro, nin o equipo de goberno de Castro de Rei nin o da Deputación cambiou de opinión con respecto ó hospital de San Rafael, quen sí o fixo foi o PP provincial e autonómico e agora o de Castro de Rei. Este cambio é algo que teñen que explicar porque o 19 de xaneiro de 2009 se sacaron a foto diante do psiquátrico non só o señor Feijóo, senón tamén o señor Barreiro, os concelleiros do PP, deputados e senadores”. O rexedor municipal puntualizou que “mañá fai un año que Feijóo estivo en Castro decíndolle ós veciños que ía manter o hospital. Agora se ve claramente que a intención era conseguir uns cantos votos máis porque faltaba un mes para as eleccións”. Por este motivo, Díaz Valiño pregúntase “como se sentirán as persoas que lexitimamente lle deron o seu voto e confiaron no señor Feijóo? Seguro que teñen un sentimento de engano. É máis, cando o señor Barreiro dicía se o señor Besteiro non tiña peso político para conseguir que o centro se quedara, agora é el mesmo quen debería de pedir perdón ós veciños de Castro”. Pleno da Deputación O Pleno provincial do 29 de decembro debatera tamén unha proposta semellante, no que se lembrou que a Deputación de Lugo é a única de España que aínda mantén a titularidade de dous centros hospitalarios. Esta proposta foi finalmente votada en contra polo grupo provincial do PP. Ante esta situación e ante a manifestación do voceiro do Partido Popular, José Manuel Barreiro, de que Calde sería o destino das persoas que viven no hospital en Castro Riberas de Lea, dende o Goberno municipal instan á Xunta a que cumpra os acosados asinados e que se manteña o centro hospitalario neste Concello, xa que a súa supresión suporía un forte impacto económico para este municipio e tería consecuencias graves en canto á perda de poboación. “Hai que lembrar que nese Pleno Barreiro esixía quitar o punto nº 2 que falaba do mantemento do hospital e falou ata en tres ocasións de levar os internos que están en Castro para Calde. O propio director de Saúde dese hospital dixo que trasladar a esta xente podería ter danos importantes”, engadiu o Alcalde. Díaz Valiño puxo como exemplo a xestión levada a cabo noutras provincias e lembrou que a Deputación de Lugo é a única que é titular de dous centros hospitalarios. “Nós vamos a seguir defendendo que o psiquiátrico se manteña como se fixo co de Toén en Ourense, o de Rebullón en Pontevedra, e o de Conxo na Coruña. O peso político de Barreiro onde está?. No momento que se fixeron as transferencias dos outras Deputacións o responsable da Secretaría de Saúde Mental da Xunta de Galicia era o señor Feijóo que, nestes momentos, é o Presidente da Xunta. Hoxe nun maior grao de responsabilidade resulta que non fai o mesmo que o que fixo nas outras provincias. Eu pregúntome: que lle fixo Lugo ó señor Feijóo?.