A Área de Cultura da Deputación e o Concello de Sarria destinarán máis de 141.000 euros á rehabilitación do antigo cárcere municipal
O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, visitou hoxe o antigo cárcere de Sarria para presentar as obras de rehabilitación e acondicionamento desta edificación que se converterá nun lugar de valorización e recuperación das tradicións populares e acollerá diversas actividades culturais. O tenente alcalde, Xermán Arias, e o arquitecto redactor do proxecto de rehabilitación acompañaron a Bao nun percorrido polas instalacións da antiga cadea. Momento no que comprobaron de primeira man cales son os arranxos necesarios para conseguir que a construción se adecúe á súa nova función. O total do orzamento disposto para executar estes labores de adaptación supera os 141.000 euros. Tal e como comentou Antón Bao, o 80% dese orzamento, uns 113.000 euros, será subvencionado pola Área de Cultura da Deputación e a cantidade restante, uns 28.000 euros, provirán das arcas municipais. Neste senso, o nacionalista destacou a necesidade de axudarlles economicamente aos concellos para que estes leven a cabo as melloras necesarias nas estruturas culturais que así o precisen. Por iso, o vicepresidente tamén lembrou o compromiso adquirido con anterioridade pola área coas entidades e concellos lucenses para traballar, de forma conxunta, en prol do desenvolvemento e do fomento de calquera actividade cultural da zona. Ademais de contribuír á recuperación e conservación do patrimonio material existente ao longo da nosa xeografía. Tanto o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, como o concelleiro, Xermán Árias, coincidiron na necesidade de conservar e optimizar as infraestruturas culturais existentes. Xermán Árias asegurou o noso obxectivo no goberno non é o de anunciar grandes obras para acadar titulares de prensa, a nosa responsabilidade na administración dos fondos públicos obríganos a recuperar, manter e dar contido ás infraestruturas xa existentes como é o caso deste edificio singular de Sarria.