Deputación de Lugo

O artesán catalán Luis Grau amosa a técnica de cestería tradicional galega de láminas de madeira en Lugo

A modalidade inclúese dentro da programación de outono de cestería do CENTRAD

O artesán catalán, Luis Grau, imparte o sexto curso da programación de outono de cestería do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo: cestería tradicional galega de láminas de madeira, que se desenvolve desde hoxe ata o 7 de novembro no Centro de Cestería do río Rato. Luis Grau descubriu a técnica nunha viaxe realizada a Galicia e desde entón adicouse a investigar sobre a mesma co obxectivo de profundizar nunha técnica e aplicala a outras modalidades máis típicas de Cataluña. Trátase modalidade complicada debido ó difícil manexo da madeira e da que existe unha grande tradición na nosa Comunidade. No curso están a participar 8 alumnos de distintas zonas da provincia. Durante os primeiros días comezarán pola identificación de materiais e ferramentas, así como por unha breve descripción das pezas para logo comezar a elaborar unha piteira en vimbio e un carabelo con láminas de madeira. O obradoiro desenvólvese de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e dispón de 40 horas de formación. O próximo curso centrarase na cestería de palla de Gran Canaria, a traves do que os asistentes fabricarán un “balaio” seguindo a técnica de espiral cosida.