Deputación de Lugo

A TORRE FORTALEZA DE PARDO DE CELA ACOLLERÁ AS IV XORNADAS DE PATRIMONIO TRADICIONAL DA MARIÑA CENTRAL

O responsable da Área de Cultura da Deputación participou na presentación destas xornadas que se celebrarán os días 3, 4 e 5 de novembro

O responsable da área de cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou hoxe no acto de presentación das IV Xornadas de Patrimonio Tradicional da Mariña Central. Na presentación estiveron presente xunto con Antonio Veiga o rexedor de Alfoz, Emilio Lousas Muíña, Ramón Ermida, en representación da Consellería de Innovación e Industria, Álvaro Iglesias, en nome da Universidade de A Coruña e de Manuel Valín, da fundación comarcal da Mariña Central. Durante os días 3, 4 e 5 de novembro a Torre – Fortaleza e Pardo de Cela, en Alfoz, converterase no escenario de debate, para clarificar a necesidade de diálogo entre o patrimonio e o turismo, nunhas xornadas organizadas pola Fundación Comarcal de A Mariña Central. Nestas xornadas participarán un total de dezaoito poñentes que impartirán nove conferencias que se completarán con dúas taboas redondas e unha visita guiada á Finca Galea na que os participantes poderán degustar produtos da zona. Antonio Veiga resaltou a calidade e cantidade do patrimonio existente na comarca de A Mariña e a necesidade de difundir o coñecemento deste patrimonio tanto material como inmaterial. Veiga foi contundente ao afirmar que “a calidade dos poñentes e a boa organización destas xornadas garanten a súa utilidade de cara ao desenvolvemento da comarca no eido turístico e cultural”.