Deputación de Lugo

A Deputación mellorará a seguridade dos seus edificios coa implantación dun sistema de vídeovixilancia

Incrementarase o número de vixilantes nun 53% e haberá por primeira vez seguridade no Fogar de Santa María e control das vistas no Pazo de San Marcos e no Museo Provincial

Melchor Roel subliñou que se parte dunha situación case inexistente na que só había vixilancia presencial no Pazo de San Marcos e no Museo Provincial A Deputación incrementará o servizo de vixilancia e control en edificios e dependencias da institución para garantir a seguridade tanto dos inmobles como do material que albergan. O Deputado da Área de Persoal e Réxime Interior, Melchor Roel, anunciou este mércores que se introducirán importantes novidades coa implantación por primeira vez de sistemas de vídeovixilancia, a inclusión do edificio do Fogar de Santa María – que alberga o INLUDES e a Área de Infraestruturas- e o control das visitas. Ademais incrementarase nun 53% o número de vixilantes, que pasará de 15 a 23. Melchor Roel avanzou que a Xunta de Goberno deste vernes adxudicará provisionalmente este servizo “que vén a cubrir unha importante carencia que tiña a institución neste eido, xa que neste momento só hai vixiancia presencial no Pazo de San Marcos e no Museo Provincial. O Deputado de Réxime Interior, que loubou o traballo que están a desenvolver os actuais vixilantes, dixo que estes non dispoñen dos medios necesarios para garantir a seguridade dos edificios. “Eu creo que o de melloras é unha forma moi amable de dicir porque había instalacións da Deputación que nunca tiveran ningún tipo de vixilancia e temos a obriga de garantir a seguridade de todo o que os veciños foron pagando, os seus investimentos e os seus documentos”, apuntou Roel. Vídeovixilancia Por primeira vez implantarase un sistema de vídeovixilancia nos Pazos de San Marcos e de Deportes, Museo Provincial e Fogar de Santa María. En total, instalaranse 46 cámaras. “O maior número, 30 cámaras, estará no Museo Provincial co obxectivo de velar polas pezas de grande valor que alí se exponen e almacenan. Este é un exemplo dun dos patrimonios máis importantes polo que debemos proteger desde a institución”. No Pazo de San Marcos e no Fogar de Santa María instalaranse 6e 3 no exterior do Pazo dos Deportes. Ademais, haberá un control de visitas tanto no Pazo de San Marcos como no Museo Provincial onde se instalarán arcos detectores de metais; todas as persoas alleas ó persoal da institución deberán levar unha pegatina ou tarxeta indentificativa. “Actualmente en calquera destes edificios non sabemos que persoas están dentro destes edificios nin cando saen. Esta situación é moi atípica en calquera institución, donde hai que ter un control de visitas”. O servizo incluirá outras melloras como detectores manuais de metais Garret, espellos revisores para mirar os baixos dos coches, control de rondas informatizado, análise de seguridade T.S.C.M etc. Máis vixilantes Polo que se refire á seguridade presencial haberá 23 vixilantes, un 53% máis que neste momento O Museo Provincial pasará dos 5 actuais a 8; as 3 incorporacións serán para o horario de apertura ó público. O Fogar de Santa María terá por primeira vez 5 vixilantes, e os Pazos de San Marcos e Deportes manterán os 5 que teñen neste momento. O contrato será adxudicado provisionalmente a CETSA Seguridad S.A. por 825.996 euros, que incluiu as melloras (videovixilancia, arcos de metais etc) por 164.247 euros. O gasto en 2007 foi de 493.233 euros. “Aquí pagábanse esta cantidade, e os vixlantes non tiñan os medios necesarios; todo era esforzo persoal. Non había cámaras etc. Cóntase noutros sitios e non se cre: non había, por exemplo, arco detector de metais no Pazo de San Marcos nin no Museo Provincial”.