Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa na entrega dos IV Premios á Solidariedade organizados por ONCE Galicia

O Pazo de San Marcos acolleu a entrega dos galardóns que recoñecen o labor de sectores públicos a favor da integración dos deficientes visuais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este martes na entrega dos IV Premios á Solidariedade organizados por ONCE Galicia, que se desenvolveu no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o Presidente da ONCE de España, Miguel Carballeda Piñeira, subraiou que “para a Deputación de Lugo é unha honra acoller actos coma este. O Pazo de San Marcos é a Casa de todos os lugueses e luguesas e de todas as persoas que, como vostedes, traballan pola integración e normalización de persoas con discapacidade na nosa Comunidade Autónoma”. O presentador de radio e televisión, Paco Lodeiro, conduciu a gala, na que recibiron o Premio de Medios de Comunicación, Localia TV de Santiago; de Accesibilidade Universal e Igualdade, a asociación Pro-Discapacitados Psíquicos Apader de Cedeira; de Integración Laboral, o Concello de Carballo, e como Galegas Destacadas no impulso á Integración, Sor Micaela Duque, superiora do Cottolengo de Santiago de Compostela, e Pilar Mingote, presidenta da asociación de axuda ás presas de Teixeiro: Nosotras Intramuros. Esta é a cuarta vez que se conceden os galardóns, que convoca con periodicidade bienal o Consello Territorial de ONCE-Galicia, que preside Mª Dolores Venancio Vilaboy, co obxectivo de recoñecer as accións solidarias que emanan desde todos os sectores da sociedade galega a favor da integración das persoas cegas ou con calquera outra discapacidade, e que axudan á construción dunha sociedade máis xusta e igual para todos. “Quero agradecerlles con maiúsculas o labor que realizan todos vostedes día tras día para lograr a autonomía das persoas. Por iso, quero brindar todo o meu apoio á ONCE Galicia para futuras colaboracións que poidan xurdir entre ámbalas dúas institucións. A discapacidade non é incapacidade, senón que a falta de solidariedade é a peor discapacidade”. Gómez Besteiro felicitou ós premiados polo seu traballo a favor da integración dos deficientes visuais. “Pero na Deputación queremos seguir aprendendo, e temos a sorte de que neste salón hoxe contamos con excelentes mestres. Para nós son todo un exemplo de superación, esforzo e progreso. Coincidirán comigo en que non hai máis que poñerse na pel das persoas con algún tipo de discapacidade visual para ser máis conscientes de que todos temos que poñer o noso grao de area. Mañá nós podemos estar nesa pel, e viceversa”. Os correspondentes a esta IV edición falláronse no pasado mes de maio, en Santiago de Compostela, por un xurado integrado polos directores de 18 medios de comunicación de Galicia, e do que tamén formaron parte o Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, así como o Delegado Territorial e a Presidenta do Consello Territorial da ONCE. Homenaxe ós premiados Os galardoados recibiron unha peza única e personalizada realizada pola artista coruñesa Julia Ares e un diploma. Asimesmo, no transcurso do acto, a ONCE rendiu tamén unha homenaxe ó diario El Progreso no ano do seu centenario, facéndolle entrega á súa presidenta, Blanca García Montenegro, dunha reprodución esmaltada do cupón homenaxe ó centenario do diario lucense que se sorteou o pasado 16 de agosto. O acto rematou coa actuación da Coral “Cidade de Vigo” da ONCE. Nove dos seus compoñentes (2 baixos, 3 contraltos, 1 tenor e 3 sopranos), dirixidos polo profesor de piano Mariano Vázquez Tur, interpretaron cinco pezas na honra dos premiados e asistentes. Recepción Oficial Previamente, o responsable provincial recibiu no seu Despacho ó Presidente da ONCE de España, Miguel Carballeda Piñeira. Gómez Besteiro deu á benvida ó responsable da Organización a nivel nacional e fíxolle entrega dunha reprodución dunha cítara, instrumento musical que figura no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.