Deputación de Lugo

Comeza o cuarto curso de cestería da programación de outono do CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
Os participantes aprenderán a construír o sombreiro de palla da zona da ría de Muros e Noia

Esta fin de semana desenvolverase no Centro de Cestería do río Rato o cuarto curso de cestería da programación de outono do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. O sábado e domingo os participantes aprenderán as técnicas de cosido de trenza e de cintas de tea, necesarias para elaborar o sombreiro de palla típico da zona da ría de Muros e Noia. No curso só participarán os alumnos que asistiron á primeira parte desenvolvida no mes de setembro. O obradoiro, que se enmarca dentro da modalidade de cestería tradicional galega de palla, será impartido pola artesá María de la Cruz Isabel Torre Quintans en horario de 10:00 a 14:00 horas e, pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas. O obradoiro inclúese dentro da programación de outono de cestería que pon en marcha o CENTRAD, e que inclúe 9 cursos de formación. Deste xeito, desde o 27 ó 31 de outubro a modalidade será a de xuncos de lagoa baseada na elaboración de distintas pezas sobre moldes de madeira empregando como material o xunco.