Deputación de Lugo

A Deputación inviste 9 M€ na creación de emprego a través das novas tecnoloxías

Gómez Besteiro anuncia que chegou o momento de impulsar “a outra rede viaria provincial, a da administración electrónica”

Nas vindeiras semanas inícianse as contratacións do programa INNOVA-TE que aúna emprego e novas tecnoloxías, e pretende situar á provincia entre as máis desenvolvidas tecnoloxicamente de España Dotado con 9 millóns de euros, foi o programa da Deputación que contou con maior respaldo da Unión Europea O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este luns as principais liñas do ambicioso programa Innova-TE, destinado á creación de emprego a través da implantación das novas tecnoloxías e da Sociedade da Información nos Concellos da provincia. Gómez Besteiro destacou que “na Deputación fomos quen de reorientar as políticas, superando o tradicional aillamento, e apostando por programas con beneficio global para a provincia que situarán a Lugo entre as máis desenvolvidas tecnoloxicamente de España”. Para a posta en marcha do proxecto a Deputación conta co compromiso e apoio financieiro do Ministerio de Administracións Públicas e da Unión Europea. Este proxecto será clave para a provincia e nace coa vocación de ser unha referencia estatal e coa finalidade de crear emprego e garantir a implantación das novas tecnoloxías tanto nos Concellos como na propia Deputación. Dos proxectos presentados desde o organismo provincial é o que conta cun maior presuposto. En total, 9.095.000 euros, dos que o 70% serán financiados por fondos FEDER e o 30% polo INLUDES. “En definitiva, preto de 1.500 millóns das antigas pesetas, que servirán para crear novos postos de traballo e mellorar as infraestruturas e servizos locais da provincia. Ademais de aumentar a competitividade do noso tecido empresarial, xa que se as nosas empresas dispoñen de métodos de xestión máis modernos tamén poderán ser máis competitivas”. Por outra banda, Innova-TE tamén será unha ferramenta básica para promover a cohesión do territorio en todos os Concellos, localidades e lugares, posto que os cidadáns disporán do acceso ás novas tecnoloxías independentemente do lugar no que se atopen. Comprende os 66 municipios da provincia, agás o de Lugo, e dará cobertura a 261.323 habitantes. “Isto débese a que o Concello da cidade vai a moita máis velocidade, ten o seu propio plan, que ademais é líder, pero tamén teremos colaboracións con el. 3 liñas de actuación O proxecto conta con 3 liñas de actuación: promoción económica, creando emprego e novos nichos laborais; fomento da sociedade da información; e dotación de equipamentos necesarios para a participación da cidadanía. Contempla a creación da Administración Electrónica, ou o que é o mesmo, a e-Administración, tanto na Deputación como nos Concellos, de equipamentos informáticos en toda a provincia, conectividade inalámbrica nas dependencias municipais, sinatura electrónica nos Concellos e realización de pagos e transacións e consultas persoais a través da rede. O proxecto tamén inclúe a creación dunha rede de portais wifi no ámbito da provincia, ademais da creación dun centro virtual de asesoramento empresarial e dun plan de seguemento e avaliación do proxecto no momento do comezo, durante e ó remate do mesmo. En canto ós resultados que se pretenden acadar, a Deputación estima os seguintes: o 85% no nivel de interacción das webs dos Concellos en canto á información xeral, o 60% na descarga de formularios xenéricos, o 40% na consulta de información personalizada e o 40% na realización do pago e transacción completa. Gómez Besteiro indicou que “nas Xunta de Goberno das próximas semanas aprobaranse os plegos do Innova-TE onde detallaremos todas as cousas que lles estamos a falar, ó igual que estamos facendo co Lug02”. As TIC en Lugo Segundo datos do Informe do Observatorio Galego da Sociedade da Información, Galicia ocupa o penúltimo posto no desenvolvemento das TIC. Tal é así, que só o 58% dos municipios dispoñen de páxina web; o que representa o 85% da poboación. Na provincia, o 25,9% dos Concellos que dispoñen de páxina web oficial, o dominio non pertence a eles, senón a particulares. Asimesmo, o 92,2% das webs municipais incumplen a lexislación sobre proteción de datos respecto á solicitude de información de carácter persoal e só o 6,5% dispoñen de sistemas de participación cidadá: envío de consultas, queixas, suxerencias, etc. Por outra banda, segundo un estudo de AGESTIC só o 39,9% das 22.000 empresas lucenses con menos de 100 asalariados ten acceso a Internet, fronte á media nacional que se sitúa no 92,34%. “Non se trata de convertir a provincia no SIMO, senón conseguir que todos os veciños teñan a mesma igualdade de oportunidades para competir no mercado actual, xa que nestes momentos a igualdade non pasa polo asfalto senón pola Sociedade da Información”, engadiu Besteiro.