Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación pecha as festas do San Froilán en Barcelona ás que asistiron 60.000 persoas

Lara Méndez valorou positivamente os festexos desenvolvidos esta fin de semana no distrito de Nou Barris

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este domingo nos últimos actos do San Froilán en Barcelona. Os festexos, iniciados o pasado venres, concluíron cunha Misa e unha procesión na honra do patrón de Lugo. Segundo os cálculos da Garda Urbana barcelonesa e dos membros da Asociación de Amigos do San Froilán, durante estes tres días unhas 60.000 persoas celebraron as festas luguesas. Logo da intensa xornada de onte, na que a responsable da Área de Promoción Económica e Emprego da Deputación estivo acompañada, entre outras autoridades, do Alcalde de Barcelona, Jordi Hereu, da rexedora de Nou Barris, Carmen Andrés, e do Presidente da Peña Deportivista, Germán Martínez, a Vicepresidenta Segunda destacou a intensidade coa que os galegos afincados en Cataluña celebran os festexos, que xa son os máis importantes da Cidade Condal despois das tradicionais festas da Merced. A praza Maior do distrito de Nou Barris fíxose pequena para recibir ós miles de lugueses e galegos que neste día participaron da Misa e na posterior procesión. As distintas autoridades seguiron desde primeira fila os actos relixiosos que estiveron amenizados pola Coral Irmandade a Nosa Galiza de Mollet e a Banda de Gaitas Toxos e Xestas. A continuación, a sesión vermut correu a cargo da actuación dunha orquestra galega. En declaracións ós xornalistas barceloneses, Lara Méndez subraiou que “foi unha experiencia moi positiva que une e estreita lazos entre Galicia-Cataluña e Cataluña-Galicia. Neste senso, quero recoñecer o labor que están facendo os nosos emigrantes por manter as tradicións. Sen dúbida, Lugo existe e queda demostrado que a nosa provincia ten un potencial moi importante. Así o sinten os lugueses e galegos residentes en Nou Barris. Non hai máis que ver a importancia que lle dan a estes festexos. Para eles son as festas máis importantes despois das da Merced. Desde a Deputación de Lugo xa anunciamos que seguiremos nesta liña con Cataluña e con outras comunidades”. Desde onte, Lara Méndez puido comprobar o sentimento e o fervor co que os galegos emigrantes celebran as patronais máis importantes de Galicia. Este ano os festexos voltaron a seu un éxito grazas ó traballo levado a cabo pola Asociación de Amigos do San Froilán, que desde 1994 mantén viva esta tradición. O distrito de Nou Barris é un dos tres máis poboados de Barcelona. Isto débese, en boa parte, ós miles de emigrantes galegos que desde hai anos fixaron a súa residencia nesta localidade. En concreto, conta con 180.000 habitantes e moitos deles son da provincia de Lugo.