Deputación de Lugo

A Deputación promocionará as Reservas da Biosfera a través dos seus produtos e dunha guía medioambiental

A Xunta de Goberno aprobou varias iniciativas dentro do Lug02 “que incidirán positivamente no turismo, a economía e o medio ambiente”

Apróbase a contratación da primeira fase das obras do Canon de Chantada O organismo provincial suscribe a iniciativa dos sindicatos agrarios en apoio ó sector lácteo galego A Deputación elaborará 14.000 lotes con produtos autóctonos das tres Reservas da Biosfera e do Courel e editará una guía medioambiental dentro do programa europeo Lug02, que está dotado con 5 millóns de euros e que é cofinanciando nun 70% con Fondos FEDER e nun 30% pola Deputación. O voceiro do grupo socialista, Antonio Gato, dixo que “estas son medidas para a promoción da provincia, pero tamén inciden na economía e no consumo, polo que poden ter importantes resultados desde os puntos de vista turístico, medioambiental e económico”. A Xunta de Goberno aprobou este venres tres pregos de condicións relacionados co Lug02. O primeiro é para a adquisición de produtos autóctonos das zonas dentro do ámbito de actuación deste proxecto europeo. Elaboraranse 14.000 lotes que serán distribuidos de balde, principalmente entre os participantes en Km0. “Deste xeito, os asistentes ás visitas e viaxes organizadas dentro deste programa, ou outro tipo de evento no que se distribúa o material promocional, levarán productos elaborados nas Reservas da Biosfera e O Courel”. Nestes lotes, para os que se aprobou un presuposto de 189.100 euros, darase preferencia ós produtos elaborados de xeito artesanal. “Estamos a falar de productores que, polo seu tamaño, non poden facer campañas de marketing e teñen moi difícil a difusión dos seus productos fóra da súa propia comarca”. apuntou Antonio Gato. Estes packs levarán a marca de calidade Lugosabe. Guía medioambiental Tamén se acordou a contratación do deseño e edición de material didáctico-informativo de sensibilización medioambiental no marco do Lug02. “Neste caso, o obxectivo é establecer as bases para a contratación do deseño e a elaboración de diverso material didáctico e informativo destinado a dar a coñecer á poboación os recursos naturais de interese turístico e medioambiental nas Reservas”. Destaca especialmente a edición e distribución dunha guía medioambiental da provincia, “que será un manual básico para coñecer a grande riqueza medioambiental e paisaxística que ten Lugo”. O prezo máximo aprobado para esta iniciativa é de 178.640 euros. Ademais, e tamén dentro de Lug02, aprobouse o prego de condicións para o servizo de transporte nas visitas, rutas e itinerarios dentro do programa Km0 por un prezo máximo de 64.200 euros. Canon de Chantada A Xunta de Goberno deu o visto e prace á contratación das primeiras obras do Plan de Obras Canon de Chantada para 2008. Entre elas, o acondicionamento das primeiras 15 pistas incluídas na rexeneración de vías rurais así como a reurbanización do polígono dos Acivros por 45.226 euros e o seneamento do núcleo de Viana, con 16.143 euros. Ademais, acordouse transferir ó Concello de Chantada 150.000 euros para a adquisición dos terreos debe aportar o municipio para que a Xunta constrúa a depuradora. Apoio ó sector lácteo Por outra banda, acordouse a adhesión da Deputación ás iniciativas dos sindicactos agrarios en apoio ó sector lácteo galego, e nas que se solicitan á Xunta de Galicia e ó Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño que adopten determinadas medidas, entre elas, un plan estratéxico para o sector lácteo. “A Deputación comprende a situación crítica que vive o campo galego, sobre todo, o sector lácteo, e súmase ás reinvidicacións dos sindicatos e ás pretensións dos produtores de leite que están pasando un mal momento”. Antonio Gato dixo que o organismo provincial é sensible co mundo agrogandeiro e, neste senso, lembrou que se está a redactar o proxecto para a creación dun Centro de Recría na Granxa Gayoso-Castro. Outros acordos da Xunta de Goberno Ademais, acordouse prorrogar ata o 30 de xuño o prazo para que os Concellos da provincia xustifiquen as obras do Plan de Estatal de Investimento Local, que é complentado co Fondo Extraordinario da Deputación de preto de 1,5 millóns de euros, que representan o 4% dos proxectos. “De todos os xeitos, hai que sinalar que a xestión por parte das Entidades Locais está sendo moi rápida, xa que a día de hoxe máis da metade das obras incluídas neste Fondo xa recibiron o 70% do anticipo”. Por último, a Deputación persoarase nun recurso contecioso-administrativo relativo a unha reclamación de responsabilidade civil polos danos causados polo atropelo dun corzo nunha estrada provincial.O sinistro tivo lugar o 20 de abril de 2007 na estrada provincial 2605, no termo municipal de Xove. O demandante reclama 806 euros.