Deputación de Lugo

A Deputación aproba 16 novas obras do canon en Negueira de Muñiz, Carballedo, A Fonsagrada e Ribas de Sil por máis de 1M€

Imaxe deputación de lugo
Antonio Gato subliña a “inxección económica” que supón esta iniciativa que permite aumentar a obra pública nos municipios, mentres a Xunta de Galicia a reduce
O organismo provincial adxudica a roza das estradas provinciais dos 10 Concellos que nos asinaron o convenio e que suman 610 quilómetros
Aprobada a pavimentación da rúa Músico Crisanto de Rábade por importe de 300.000 euros, que se suma ás outras 15 actuacións ratificadas en xuño dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública

A Xunta de Goberno deste venres aprobou este xoves dezaséis actuacións máis do canon nos Concellos de Negueira de Muñiz, Carballedo, A Fonsagrada e Ribas de Sil por importe de 1.069.550 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “a inxección económica” que supón o canon para estes municipios ten dobre importancia nun momento económico como o actual: primeiro porque aumenta a obra pública nos municipios e, segundo, porque lles aforra este custe ós Concellos, xa que a Deputación asume tanto a redacción dos proxectos, porque os fai o propio servizo da Deputación, como a execución das obras. Neste senso, Gato Soengas preguntouse “que pasaría se neste momento económico no que a Xunta de Galicia reduce a obra pública, non se levasen a cabo estes investimentos”. Trátase do acondicionamento de edificación para vivendas comunitarias en Negueira de Muñiz por valor de 238.045 euros. No caso de Carballedo investiranse 579.283 euros na rexeneración dun total 11 pistas rurais e, no da Fonsagrada, melloraranse, dentro desta iniciativa 4 accesos a 8 núcleos rurais por importe de 251.024 euros. A maiores, engádese o reaxuste orzamentario da subministración dun tractor con remolque, rozadoira e pala por valor de 1.198 euros, en Ribas de Sil. Deste xeito, conclúese o plan de obras de 2008-2009 destes municipios e comézase a contratar o deste ano. Por exemplo, 5 das obras de Carballedo e 2 da Fonsagrada xa pertence ó reparto de 2010. A este respecto, Gato Soengas subliñou que “tivo que chegar este equipo de goberno para que por fin se fixese xustiza na provincia. O que terían que preguntarlle os Alcaldes destes Concellos ó Partido Popular e ó señor Barreiro e por que foron discriminados durante anos”. Plan de Obra Pública O organismo provincial segue a desenvolver coa máxima celeridade o Plan Extraordinario de Obra Pública posto en marcha para adiantar a saída á crise na provincia, e crear postos de emprego. Neste senso, hoxe aprobouse a pavimentación e dotación de servizos na rúa Músico Crisanto de Rábade por importe de 300.000 euros, aforrando este custe ó Concello. Esta actuación súmase ás 15 aprobadas en pasadas Xuntas de Goberno dentro da macro-programación de 60 millóns de euros, e que serán publicadas mañá no Boletín Oficial da Provincia. Na actualidade, a rúa Músico Crisanto é unha vía provincial que perdeu a utilidade como tal ó situarse nunha zona urbana e residencial. Deste xeito, o organismo provincial pavimentará de granito a zona, construirá aparcadoiros e mellorará a súa iluminación. Unha vez que rematen as obras, a Deputación cederá ó Concello esta vía dando resposta ás reivindicacións que dende hai tempo viñan facendo os cidadáns. Roza de estradas nos Concellos sen convenio Antonio Gato tamén anunciou que a Deputación vén de adxudicar a roza das estradas provinciais nos 10 Concellos que non asinaron o convenio que lles permite xestionar o destroce das vías da Deputación directamente, e que comezará este mes. Neste caso, o organismo provincial destinará 126.993 euros ó desbroce de 610 quilómetros dos seguintes municipios: O Corgo, O Incio, Sober, Carballedo, Cervo, Muras, Ribeira de Piquín, Lugo, Friol e Outeiro de Rei. Gato Seongas apuntou que “en total, se sumamos esta actuación e o investimento que realizamos nos 57 municipios que asinaron o convenio, o investimento da Deputación ascende a preto de 800.000 euros. No caso dos 10 municipios, o organismo provincial contrata e executa directamente os traballos, como se viña facendo ata que chegou o actual equipo de goberno da Deputación. O sistema vía convenio foi unha medida máis de cooperación cos Concellos que puxo en marcha este equipo de goberno e co se está a prestar un servizo moito máis áxil e eficaz. Proba disto é que cada ano son máis os Concellos que asinan o convenio”. Adhesión de Concellos ó Innova-TE O día 30 rematou o prazo para que os Concellos se adhiran ó programa Innova-TE co que a Deputación implantará a administración electrónica nos Concellos da provincia en menos dun ano. Dos 66 municipios ós que vai dirixido o programa, 16, todos do Partido Popular, non se sumaron a esta iniciativa. Son os seguintes: Alfoz, Antas de Ulla, Barreiros, Bóveda, Cospeito, Folgoso do Courel, Guntín, Ourol, Outeiro de Rei, Pantón, Paradela, O Saviñao, Trabada, O Valadouro, O Vicedo e Xermade. O voceiro do equpo de goberno suliñou que “isto é inaceptable porque precisamente nunha xuntanza celebrada na Deputación informouse a todos os Alcaldes e Secretarios dos beneficios e da rendibilidade da administración electrónica. Ademais, fixemos auditorías tecnolóxicas en todos os Concellos e mesmo se lles enviou unha carta por correo ordinario e vía on line, explicándolles en que consistía esta iniciativa e o prazo no que debían formalizar a inscrición”. O Innova-TE vai aforrar tempo e cartos ós cidadáns, permitindo a cohesión da provincia. É dicir, un veciño da Mariña ou do sur da provincia que queira facer un trámite administrativo coa Deputación poderán facelo dende a súa casa sen ter que vir á Deputación. “Ante esta realidade, a ver agora como o Señor Barreiro lle explica ós veciños destes 16 municipios que os seus Alcaldes deixaron perder 300.000 euros, cantidade que a Deputación lle aforra a cada un dos Concellos nos que está a implantar a administración electrónica”.