Deputación de Lugo

A Deputación salda a débeda do canon de Guntín con obras que superan os 240.000 euros

Imaxe deputación de lugo
Xunto co canon, o organismo provincial realizou investimentos neste municipio por valor de case 1 millón de euros
Gómez Besteiro anuncia que a Deputación acometerá ampliación da estrada municipal que vai ó Mosteiro dentro da colaboración que o Parque Móbil presta ós Concellos da provincia
Máis de 1.000 persoas participarán na VI Festa Artesanal que se desenvolverá o 8 de agosto e que conta coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este martes o Concello de Guntín onde o organismo provincial está a realizar investimentos que suman preto de 1 millón de euros. Neste senso, Gómez Besteiro destacou “o importante esforzo inversor que estamos a acometer neste municipio, onde saldamos a débeda do canon con obras que suman case 250.000 euros. Agora toca ser dilixentes para que se gasten rápido en 2010 e para que disfruten todos os veciños delas, xa que levan moito tempo agardando a que se fagan. Son momentos difíciles para os Concellos, para a Deputación e para o Goberno de España, pero hai que fixar prioridades e para nós o canon de Guntín foi unha delas”. O máximo responsable provincial foi recibido na Casa Consistorial polo Alcalde guntinés, Jesús Carreira, onde tamén saudou ós membros da Corporación. O titular da institución provincial subliñou que “é certo que este é o último Concello no que pechamos as obras do canon dos 15 municipios afectados máis Chantada, pero isto non significa que sexa o último no que se executen”. Pola súa banda, o Alcalde agradeceu a visita e o compromiso do Presidente, “xa que son actuacións moi importantes para o noso municipio, polo que estamos desexando que se fagan canto antes”. O Plan do Obras correspondente ás 3 anualidades e que foi aprobado o pasado venres pola Xunta de Goberno, inclúe neste municipio tres acuacións por valor de 242.555 euros Trátase do acondicionamento do acceso de Trasdulfe a Pradedo de Abaixo (85.451 euros), a substitución de tubaxes do abastecemento de auga municipal (111.698) e acondicionamento da Praza Nova (45.408 euros), dentro da de 2010. O Presidente tamén supervisou a pista que vai a Mosteiro e que será ampliada pola Deputación coas máquinas do Parque Móbil, dentro da colaboración que este departamento provincial presta ós Concellos da provincia. Outros investimentos Xunto co canon, a Deputación realizou outros investimentos neste muncipio por valor de case 1 millón de euros. Nestes 3 últimos anos, o organismo provincial destinou 457.593 euros ó mantemento dos 79,9 quilómetros de estradas provincias que hai no termo municipal de Guntín e 42.318 para a roza destes viais, así como 25.698 euros para o POS. Ademais, nos últimos dous anos acometéronse 8 actuacións dentro do Plan de Comunidades Veciñais por un importe total de 64.739 euros, dos que o organismo provincial achegou 47.507. As obras son as seguintes: apertura de camiños en Cimadevila; as dúas fases do acondicionamento da antiga escola de Lousadela; reparación da igrexa de Santa Euxea e o arranxo dos accesos a este templo; apertura de camiños de Xuriz á Mota e construción do depósito de auga de Navallo. VI Festa artesanal O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez, presentaron a VI Festa Artesanal que se celebrará na localidade guntinesa o 8 de agosto. A cita festiva dará comezo ás 9:00 horas e rematará ás 15:00 cun xantar de confraternidade. Este ano contará, grazas á colaboración do Centro de Artesanía e Deseño, cunha demostración da oleiría de Gundivós e cunha exhibición da malla tradicional. Ademais, repetirase a degustación gratuita de filloas e o pregón que correrá a cargo do xornalista Benigno Lázare, “un profesional comprometido co seu municipio, coa súa profesión e coa provincia”, sinalou Gómez Besteiro. Esta iniciativa inclúese dentro da programación que desenvolve a Asociación para fomentar a actividade cultural e as manisfestacións etnográficas desta comarca, situada no noroeste da provincia. Deste xeito, no encontro daranse cita diferentes artesáns da bisbarra que exhibirán os seus ancestrais oficios, como por exemplo: cesteiros, zoqueiros, carpinteiros, escultores, fabricantes de instrumentos musicais e mesmo apicultores. A organización prevé superar os 1.000 visitantes da edición anterior. Gómez Besteiro destacou que “esta é unha cita moi importante para toda a comarca, xa que pon en valor a riqueza da zona e axuda a que os oficios artesanais non desaparezan co paso do tempo”.