Deputación de Lugo

O Padroado da Fundación TOR reunirase o mércores no Centro Cinexético e Piscícola de Galicia

Imaxe deputación de lugo
Na xuntanza analizarase o Plan de Viabilidade da Fundación e informarase de novas irregularidades levadas a cabo polos anteriores patronos

Gómez Besteiro presidirá a xuntanza na que tomarán posesión os representantes da Xunta de Galicia no Padroado A Deputación vén de convocar para o vindeiro mércores, 30 de setembro, unha reunión do Padroado da Fundación TOR, na que tomarán posesión o representantes designados pola Xunta de Galicia e na que se analizará o Plan de Viabilidade da Fundación e se informará de novas irregularidades levadas a cabo polos anteriores patronos. A reunión será presidida polo Presidente da Deputación e Presidente da Fundación, José Ramón Gómez Besteiro, e desenvolverase no Pazo de TOR a partir das 11:00 horas. Á xuntanza están convidados todos os membros do Padroado: Samuel Jesús Juárez Casado, Conselleiro de Medio Rural; Antón Bao Abelleira, Vicepresidente Primeiro da Deputación; Faustino Martínez Fernández, Secretario Xeral; Miguel Ángel Sotuela Vega, Deputado provincial de Urbanismo; Ricardo Parada, Deputado provincial de Medio Ambiente; Ricardo García-Borregón Millán, Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural; e Ramón Carballo Páez, Xefe Territorial de Lugo da Consellería de Medio Rural. Novas irregularidades Na xuntanza informarase tamén das actuacións realizadas desde o día 8 de xullo, data da última reunión do Padroado e darase conta da identificación, descrición e valoración dos danos e prexuízos de índole forestal ocasionados nas parcelas adscritas ó Pazo de Tor. Asimesmo, darase conta da titularidade rexitral das fincas inscritas a favor da Fundación, do auto do Xulgado nº 2 do Contencioso-Administrativo de Lugo sobre a solicitude de suspensión do funcionamento do Padroado, da denuncia presentada na Comisaría de Policía sobre a desaparición do vehículo adscrito á Xerencia da Fundación, do escrito presentado ante a Fiscalía con relación a diversas irregularidades detectadas nas xestións do anterior Padroado e informarase das aportacións económicas dos patronos. Tamén está previsto que se aprobe o orzamento para a anualidade de 2010. Última reunión Na última reunión do Padroado, celebrada no mes de xullo e á que non asistiron os representantes da administración autonómica, reveláronse múltiples irregularidades nos informes técnicos que avaliaron as actividades da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia. Gómez Besteiro explicara pormenorizadamente os resultados do estudo económico-financeiro, patrimonial e medioambiental e ordeara levar a cabo a seguintes actuacións: iniciar a recuperación da titularidade dos terreos cedidos no seu día pola Deputación de Lugo e supeditar a permanencia da Deputación na Fundación ó respecto á lei e a unha xestión “baixo parámetros públicos”; iniciar o estudo da extinción da Fundación; regularizar a situación económica-financeira, aboando as débedas relacionadas e priorizando o pago dos salarios ós traballadores; requerir á Xunta de Galicia para que realice as actuacións oportunas por resolver coa Deputación e as cuestións legais que ralentizan o funcionamento; proceder á reforestación dos espazos obxecto da tala masiva practicada, realizando previamente unha análise de custes; solicitar á Xunta a súa aportación económica pendente; estudar o inicio de acción legais; e enviar toda a documentación ó Ministerio Fiscal.