Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura o XXIV Congreso da Asociación Galega de Ciruxía Ortopédica e de Traumatoloxía

Imaxe deputación de lugo
O Pazo de San Marcos acolle o encontro que se desenvolve ata o sábado, e no que se darán cita os mellores profesionais de España nesta especialidade médica

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres o XXIV Congreso da Asociación Galega de Ciruxía Ortopédica e de Traumatoloxía (SOGACOT), que se celebra no Pazo de San Marcos dende onte, e que se prolongará ata mañá sábado. Gómez Besteiro deulles a benvida ós asistentes do encontro, “xa que na Deputación estamos encantados de acoller unha iniciativa destas características na que se abordan problemas que afectan a moitos dos nosos veciños pero, sobre todo, porque supón unha proxección da provincia de cara ó exterior moi importante”. O titular do organismo provincial destacou que Lugo é a provincia galega con maior contraste medioambiental xa que conta con 3 Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO, con máis de 100 quilómetros de costa, e é porta por excelencia cara Santiago. Neste senso, salientou que a Deputación foi, con Km0 a Compostela, a primeira administración cunha programación previa e estable ó Xacobeo. Pola súa banda, os organizadores do acto, membros de SOGACOT, pediron que a vindeira edición deste simposio se celebre unha vez máis en Lugo. Neste encontro, o segundo que acolle a provincia, dánse cita os mellores profesionais especializados na materia de España, e que desenvolven a súa profesión médica en hospitais tan coñecidos como La Paz e 12 de Octubre ou na clínica CEMTRO, tamén de Madrid. Neste senso, no día de hoxe os facultativos médicos trataron temas como a inestabilidade do ombreiro; límites da artroscopia (visualización dunha articulación, como pode ser o xeonllo, co fin de observar o menisco e o resto da súa anatomía interna); endoscopia extraarticular; complicacións no tratamento das fracturas de úmero; manexo da metástase ósea en extremidades; e protocolo de medición mediante TAC e RX de prótese de xeonllo. Polo que se refire ó sábado, abordaranse outros aspectos relacionados coas complicacións máis habituais nas reprotetizacións de cadeira; a prótese infectada, recaste a tempo; e artoplastias de cadeira (cirurxía ortopédica que busca reemprazar de forma total ou parcial a articulacion da cadeira cun implante artificial) en doentes xóvenes. O congreso, dirixido a persoal sanitario, estivo organizado pola SOGACOT e polo servizo de traumatoloxía e cirurxía ortopédica do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, en colaboración coa colaboración das Sociedades asturiana e portuguesa.