Deputación de Lugo

A Deputación anticipa cada ano máis de 16 M€ ós Concellos que delegaron a recadación de tributos

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente e o Alcalde de Castro de Rei asinaron o convenio, a través do cal este municipio se suma ós 49 que xa participan no novo sistema provincial de recadación
- Coa rebaixa da taxa do 6% ó 3%, a Deputación conseguiu que os Concellos adheridos aforren anualmente máis de 500.000 euros
- O organismo provincial investiu en Castro de Rei preto de 80.000 euros cos Plans de Comunidades Veciñais dos últimos dous anos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, asinaron este mércores o convenio de colaboración a través do cal este municipio se suma ó novo sistema provincial de recadación. Gómez Besteiro destacou que con esta incorporación xa son 49 os Concellos que delegaron a recadación dos seus tributos na Deputación. “É un sistema que beneficia a todos e cantos máis Concellos se incorporen máis eficaz o podemos facer. Pouco a pouco fomos convencendo ós Alcaldes do novo sistema que lles sae máis barato. Esta é unha liña de cooperación máis, que puxemos en marcha este goberno, e coa que lles aforramos cartos ós Concellos, xa que cos recursos que destinaban a este fin, agora poden cubrir outras necesidades”. O organismo provincial anticipa cada ano 16,4 millóns de euros ós Concellos que delegaron a recadación na Deputación. Nestes momentos, os 49 municipios que se sumaron á iniciativa xa recibiron os anticipos dos tres primeiros meses de 2010, e que suman 3,5 millóns de euros. “Como se pode comprobar cos números na man, este é un bo sistema. Deixamos de ter estes cartos na nosa conta para poñelos en mans das entidades locais. Nun momento de dificultade económica como o actual, a Deputación ten que estar máis ca nunca cos Concellos”. Outra das modificacións introducidas no Servizo polo actual goberno foi a rebaixa da taxa do 6% ó 3%, o que supón un aforro anual de 526.632 euros para os 49 Concellos adheridos. “Isto sí que é facer unha política de austeridade e redución de axudas directas ós Concellos. As arcas municipais aforran en persoal, en gasto corrente, en patrimonio e tamén na taxa que estaba establecida. Castro de Rei comezará a notar a partir de agora este beneficio, de tal xeito, que contará cuns cartos a maiores que poderá destinar a cubrir outras demandas que ten este Concello”. Os municipios que asinaron a delegación da recadación de tributos, a parte de Castro de Rei, son os seguintes: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Guntín, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Ourol, Palas de Rei, Paradela, Páramo, Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Quiroga, Samos, Rábade, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Xermade e Xove. Preto de 80.000 euros para as Comunidades Veciñais O Presidente da Deputación aproveitou a visita a Castro de Rei para supervisar varias obras que o organismo provincial acometeu neste municipio dentro do Plan de Comunidades Veciñais. En total, nos últimos dous anos, no Concello da Terra Chá executáronse 13 actuacións, que tiveron un orzamento total de 115.000 euros, dos que a Deputación achegou 78.000. Concretamente, Gómez Besteiro, acompañado do Deputado e Alcalde deste municipio, visitaron a antiga escola e o teleclube de Ponte de Outeiro, que foron rehabilitados con cargo ó Plan provincial de 2009. O Presidente da Deputación subliñou que “son dous exemplos das grandes obras que se poden acometer a través desta iniciativa. Castro de Rei e o resto de Concellos da provincia poderán executar novas actuacións este ano dentro deste Plan, que está dotado con 2,3 millóns de euros. Ademais, proximamente vai haber neste Concello un investimento de 12 millóns de euros no que vai a ser o Centro de Recría de referencia da Comunidade Autónoma. E isto tamén se debe o grande labor que fai o seu Alcalde”. En 2010, a Deputación aumenta en 100.000 euros máis que en 2009 o orzamento deste Plan, é dicir, un 4,5%. A través desta iniciativa subvencionaranse pequenas obras que os Concellos non poderán acometer sen a colaboración da institución provincial. O ano pasado, 295 entidades asociativas se beneficiaron desta iniciativa, coa que se executaron actuacións por valor de 3,7 millóns de euros.