Deputación de Lugo

A Deputación axiliza os trámites para instalar na primavera o control de presenza nas dependencias provinciais

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro entrega os títulos a 42 funcionarios que superaron os procesos de funcionarización, promoción interna e acceso libre

O titular provincial solicita a implicación dos traballadores na implantación da administración electrónica, xa que en 2011 permitirá facer a través da Internet a tramitación dos procesos selectivos ou de contratacións fixas e temporais O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, entregaron este martes os títulos a 42 funcionarios que acreditan que superaron satisfactoriamente os procesos de funcionarización, promoción interna e de acceso libre. Gómez Besteiro destacou que “a razón de ser da administración é o servizo que presta ós cidadáns. Para lograr este fin, os traballadores sodes un elemento esencial porque de vós tamén depende que esta institución, que conta con preto de 200 anos, permaneza”. Neste senso, o titular provincial destacou o esforzo que se está a facer dende a Deputación pola funcionarización, é dicir, pola regularización dos contratos laborais fixos que ocupan postos que deben ser desempeñados por funcionarios. O informe do Consello de Contas sobre a xestión de persoal da Deputación puxo de manifesto que esta era unha irregularidade constante na xestión do anterior do equipo de goberno, xa que moitos postos que debían ser desempeñados por funcionarios de carreira estiveron ocupados por persoal laboral. Control de presenza na primavera O organismo provincial está a axilizar os trámites para deixar instalado na primavera en todos os centros dependentes da Deputación, así como no Pazo de San Marcos. Ademais, lembrou que o proxecto Innova-TE, é dicir, a chegada da e-administración a todos os Concellos da provincia e no que se invisten 7 millóns de euros, suporá a renovación e modernización da xestión de persoas no eido local. Neste senso, apuntou que a mediados de 2011 estará operativo o Sistema Integrado de Xestión de Persoal que permitirá facer a través da Internet a tramitación dos procesos selectivos, de contratacións fixas e temporais, de nomeamentos, tomas de posesión e ceses, das autorizacións de compatibilidades, dos procedementos de provisión de postos de traballo e mobilidade interna, dos procesos de xubilacion voluntaria, así como a emisión de certificados. En referencia a estas dúas iniciativas, Gómez Besteiro indicou que “con estas actuacións pretendemos mellorar a prestación do servizo, de tal xeito que sexamos útiles para os cidadáns e lle demos máis prestixio a esta entidade. Coa implantación da administración electrónica seremos bandeira e unha institución moderna, que é o que demandan os veciños e veciñas da provincia”.