Deputación de Lugo

Uns 30 rapaces de Taboada visitan a Reserva da Biosfera Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
Os estudantes coñecen as liñas de actuación da Deputación dentro de Lug02, o programa co-financiado nun 70% con fondos FEDER

Uns 30 estudantes do CEIP Santo Tomé de Taboada visitaron este luns a Reserva da Biosfera Terras do Miño e o Centro de Interpretación do río Rato. Os rapaces participaron nunha visita guiada, na que técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) explicaron as principais liñas de actuación do organismo provincial dentro de Lug02, o programa medioambiental dotado de 5 millón de euros, co-financiado nun 70% con fondos FEDER, e nun 30% pola Deputación. Da mesma forma, os participantes descubriron a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística dos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Con estas visitas, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico de Terras do Miño incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera en 2002. Os escolares tiveron a oportunidade de coñecer este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do territorio de toda a provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.