Deputación de Lugo

A Deputación insertará a 540 desempregados nas profesións con máis futuro da provincia

Imaxe deputación de lugo
A iniciativa inclúese dentro do programa europeo “Pacto Provincial polo Emprego” dotado con 3,4 millóns de euros, e que desenvolve o INLUDES
Impartiranse 45 accións formativas de 15.000 horas de docencia e máis de 60.000 horas de prácticas profesionais en empresas relacionadas co eido sociosanitario
Tanto para a formación teórica como práctica, os participantes recibirán unha axuda de 400 euros, equivalente ó 75% da cuantía establecida polo IPREM
Os interesados poderán realizar a súa inscrición dende mañá ata o 15 de setembro, chamando ó teléfono do INLUDES 982 265 334 e no correo electrónico pactoemprego@deputacionlugo.org

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este luns o ambicioso programa formativo que o organismo provincial, a través do INLUDES, porá en marcha para crear novos postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro. Esta actuación, que beneficiará a 540 desempregados, inclúese dentro do proxecto “Pacto Provincial polo Emprego”, dotado con 3,4 millóns de euros e co-financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo. Gómez Besteiro subraiou que “os Pactos polo Emprego da Xunta non inclúen formación nin inserción laboral, senón que estudan o mercado laboral. Por iso, o novidoso do noso plantexamento, creo que útil para todos, xa que vai crear postos de traballo nos campos laborais onde realmente hai futuro. Este ambicioso programa de formación e inserción laboral está dirixido a aquelas persoas que teñen maiores dificultades para atopar un posto de traballo, é dicir, a desempregados de longa duración, mulleres maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou vítimas de malos tratos; en definitiva, a aqueles colectivos que aínda se viron máis afectados pola crise económica”. Para a súa posta en marcha realizouse unha ampla diagnose da situación laboral na provincia, identificando aquelas profesións de futuro relacionadas coas seguintes áreas: social-sociosanitaria, hostalería, turismo, industria manufactureira relacionada coa agroalimentaria e no sector forestal. Neste senso, analizouse Concello por Concello –agás o de Lugo, que ten o seu propio Pacto-, estudáronse as empresas existentes, as necesidades de man de obra, os sectores en progresión ou recesión, “e hoxe temos un mapa real de emprego na provincia de Lugo”. Esta iniciativa sumáse a outras que o INLUDES puxo en marcha ó longo deste mandato para crear emprego. É o caso das axudas para os autónomos –das que se beneficiaron 1.200 persoas-, os programas empresariais anticrise como “Lugo Compite máis” ou de sucesión na empresa familiar nos que se esgotaron todas as prazas en menos de catro días. 45 accións formativas para atopar emprego En total, impartiranse 45 accións formativas con 15.000 horas de docencia e máis de 60.000 horas de prácticas profesionais en empresas estreitamente vinculadas con estas áreas: atención sociosanitaria a persoas dependentes e enfermos de alzheimer; cuidador de discapacitados físicos/psíquicos; técnico de transporte sanitario; auxiliar de enfermeiría xeriátrica; monitor sociocultural; aproveitamentos forestais; novas tecnoloxías da información e da comunicación; sensibilización ambiental; prevención de riscos laborais, etc. O programa formativo leva aparexado un certificado de profesionalidade esixido pola Lei de Dependencia para poder desenvolver determinados labores. Xestionarase a través de tres oficinas técnicas que se distribuirán na zona norte (Foz), sur (Chantada) e Centro (Lugo, no propio Inludes). A formación estará complementada por talleres de habilidades sociais sobre cómo presentarse a unha entrevista de traballo, montar unha empresa, redactar un currículum con éxito, etc. Ademais, tanto para a formación teórica como para a práctica concederase unha axuda de 400 euros, equivalente ó 75% da cuantía establecida polo IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples). Esta subvención será compatible coa percepción da prestación e subsidio por desemprego sempre e cando non supere o importe fixado polo IPREM. Os cursos, que nalgúns casos acadarán as 600 horas, darán comezo no mes de outubro. As persoas que cumpran as características poderán realizar a inscrición dende mañá ata o 15 de setembro, de 8:00 a 15:00 horas, chamando ó teléfono do Inludes 982 265 334 e no correo electrónico pactoemprego@deputacionlugo.org. Ademais, enviarase unha carta a todos os Concellos da provincia para informarlles desta iniciativa e iniciar a captación de alumnos. No mes de setembro convocarase ós Alcaldes e técnicos municipais de emprego a unha xornada informativa na Deputación. Outras medidas do “Pacto Provincial polo Emprego” O programa de formación e inserción laboral non é a única actuación que o INLUDES levará a cabo dentro do “Pacto Provincial polo Emprego”. O máximo mandatario provincial destacou outras dúas: 1.- Para estimular o autoemprego, axudarase a realizar plans de empresas e daremos todo tipo de información sobre axudas e subvencións para a súa constitución. 2.- Activarase un xestor de emprego no portal web da Deputación no que se publicarán ofertas de traballo das empresas con necesidades de contratación. O persoal das oficinas porá en contacto ós aspirantes coas empresas, axudándoas no proceso de selección e contratación. “Será un portal provincial semellante a Infojobs que funcionará rapidamente e dun xeito eficaz, casando ofertas e demandas”, apuntou Gómez Besteiro.