Deputación de Lugo

A Deputación inviste 62.000 euros nas Comunidades Veciñais de Cospeito

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro supervisou as actuacións levadas a cabo nas parroquias de Xustás, Santa Cristina, e Xermar logo da invitación dos veciños

O titular do organismo provincial subliña o esforzo que realiza a Deputación a través deste Plan que en 2010 aumenta o seu presuposto nun 4,5%, e ascende os 2,3 millóns de euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores ó Concello de Cospeito invitado polos veciños que executaron recentemente obras con cargo o Plan de Comunidades Veciñais. A iniciativa do organismo provincial permitiu durante o periodo 2008-2009 acometer actuacións por valor de 82.500 euros, dos que a Deputación investiu 62.000 euros, é dicir, o 75% do total, e os colectivos o 25% restante. A visita do titular do organismo provincial prodúcese logo da invitación dos veciños deste municipio para que o Presidente comprobase in situ as melloras conseguidas. Deste xeito, Gómez Besteiro mantivo un encontro co colectivo Xente de Xustás a quen lle foi concedida unha subvención duns 5.000 euros para o acondicionamento do local social. O máximo mandatario provincial mantivo ademais sendas reunións cos veciños de Santa Cristina e Xermar, onde se realizaron obras por valor de 16.000 euros para o arranxo das igrexas destes núcleos. Gómez Besteiro salientou que “este plan segue a ser un bo modelo porque inclúe obras pequenas que esixen a unión veciñal, e que non se poderían facer se non tivesen o apoio da Deputación”. Neste senso, destacou o esforzo inversor en Cospeito onde, coa última convocatoria do Plan de Comunidades Veciñais, a Deputación adicará 40.000 euros para diferentes actuacións en 10 parroquias. Da mesma forma, o Presidente da Deputación subliñou que o organismo provincial incrementou nun 4,5%, máis de 100.000 euros, o presuposto deste Plan para 2010, que ascende ós 2,3 millóns de euros. Precisamente, o Pleno da Deputación aprobou as bases no mes de febreiro, e o modelo de solicitude destas axudas na última Xunta de Goberno. Gómez Besteiro adiantou que e todos os Concellos xa recibiron a notificación para que comecen a enviar as súas propostas, que finalmente deberán ser aprobadas polo organismo provincial. Visita a Fontoira O máximo mandatario provincial tamén aproveitou a visita a este Concello para coñecer as instalacións de Fontoira logo da invitación da súa xerente, Oliva Rigueira. É a maior empresa deste municipio segundo a súa plantilla, unha trintena de empregados, e dedícase á fabricación de embases e o embotellado de auga mineral. As instalacións neste Concello son as únicas de Fontoira na provincia, e unha das 3 que ten en Galicia. Produce anualmente 70 millóns de botellas, e 60 millóns de litros que se comercializan por toda a Comunidade, Asturias, León, Zamora, Andalucía, Extremadura, e ata en Portugal.