Deputación de Lugo

O INLUDES aproba a contratación da primeira fase das obras de reforma do Fogar de Santa María

Os traballos contan cun orzamento de 67.000 euros e un prazo de execución de 3 meses

A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobou este luns a adxudicación definitiva da primeira fase das obras de reforma do antigo Fogar de Santa María á empresa ASOGAL CONSTRUCCIONES S.L. por un importe de 67.000 euros e un prazo de execución de tres meses. Os traballos inclúen a demolición do engadido posterior que une os pavillóns 1,2 e 3, do teito que comunica o pavillón 1 coa Capela de Santa María, do pasillo que enlaza este pavillón coas antigas cociñas, e o derribo do muro exterior de mampostería de pizarra rematado cunha albardilla de granito e rexas que serven de peche ó INLUDES. Con esta rehabilitación preténdese recuperar o aspecto inicial do edificio construído por Bellido, un dos arquitectos máis importantes do século XX, que foi Presidente dos Arquitectos de España e ten, entre outras obras, o Círculo das Artes de Lugo. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto global de remodelación e das obras que se levarán a cabo no recinto do Fogar de Santa María. Estes traballos teñen un orzamento total de 2.430.550 euros e un prazo de execución de 2 anos (2008-2010). O proxecto será financiado ó 100% pola Deputación, a través do INLUDES. Ningún dos elementos a demoler están catalogados. O Concello de Lugo adoptará as medidas necesarias para manter a calidade do aire -nunha distanza de 2,5 metros en horizontal desde o límite do espazo no que se realiza a actividade-, control de ruido -entre as 10 da noite e as 8 da mañá non poderán realizarse os traballos-, así como a xestión dos residuos xerados na demolición. As instalacións do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social ocupan unha extensión de aproximadamente 12.000 metros cadrados. Datan do ano 1.919. Descrición dos elementos a demoler - Engadido de unión dos pavillóns 1, 2 e 3. Trátase dunha galería de unión formada por unha cuberta plana de forxado de formigón armado e pilares do mesmo material. O pechado é de mampostería de pizarra ata unha altura de 70 centímetros. O resto, ata unha altura de 3 metros é de carpintería de aluminio con cristais fixos. - Cuberta que une o pavillón 1 coa Capela de Santa María. Trátase dunha pequena cuberta a dúas augas apoiada sobre dúas vigas de formigón armado, que se sustentan nos muros de peche das edificacións. - Muro exterior que serve de peche ó recinto na zona da Ronda da Muralla. Esta construción de mampostería de pizarra, de altura variable, desde 2,30 a 0.90 metros, pecha o recinto do fogar ó longo da beirarrúa da Ronda da Muralla. Máis de metade de dito muro sofriu reformas posteriores que non seguiron o trazado orixinal.