Deputación de Lugo

Éxito de solicitudes para reservar praza o vindeiro curso na Escola de Imaxe e Son

Imaxe deputación de lugo
A listaxe de admitidos está publicada na páxina web da Fundación e no taboleiro da EIS
O prazo de matrícula para os que formalizaron a preinscrición estará aberto do 15 ó 23 de xullo; a partir desa data as matriculacións, que son gratuítas, faranse por orde de chegada de solicitudes

A Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente da Fundación TIC, recibiu grande número de solicitudes para cursar, no exercicio 2010-2011, os ciclos superiores de Produción e Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. Entre as dúas especialidades suman 44 prazas, 22 por ciclo. A listaxe de admitidos, así como de solicitantes excluídos e dos que quedan á espera, pode consultarse no taboleiro de anuncios da Escola e tamén a través do portal web www.fundaciontic.org. Do 15 ó 23 de xullo estará aberto o prazo para que os admitidos formalicen a correspondente matrícula. De non facelo no periodo establecido, entenderase que renuncian á praza. A partir desa data, as matriculacións faranse por orde de chegada de solicitudes. Matrícula gratuíta Desde hai 3 anos, en que a matrícula pasou a ser gratuíta, aumentou sensiblemente tanto o número de solicitudes como de alumnos que estudan na EIS, o único centro da provincia onde se imparte formación do eido audiovisual. En 2009 foi o curso no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera. A Escola ten como eixo fundamental a combinación de formación teórica e práctica en contextos e escenarios reais, o que permite vencellar directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. Deste xeito, dende o inicio da actividade da EIS, no ano 2003, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. Resultados oposición Este martes tamén sairon publicados, tanto na web da Fundación www.fundaciontic.org como no taboleiro de anuncios da EIS, o resultado da primeira fase con concurso-oposición para a contratación de persoal laboral-fixo da Escola de Imaxe e Son e do Centro de Produción de Programas, correspondente á parte de oposición.