Deputación de Lugo

A Deputación inviste preto de 10 millóns de euros en Chantada en só 3 anos

Imaxe deputación de lugo
O Presidente supervisou as obras de reforma do mercado gandeiro incluídas no pago do canon, que rematarán nos próximos días
Gómez Besteiro anuncia que na Xunta de Goberno do vindeiro venres aprobará a contratación do abastecemento de auga do polígono dos Acivros por preto de 190.000 euros
O máximo responsable provincial inaugurou o local social de San Vicente de Argozón reformado co Plan de Comunidades Veciñais

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Chantada, Manuel Anxo Taboada, supervisou este xoves os traballos de reforma do mercado gandeiro incluídos no plan de obras do canon hidroeléctrico. Gómez Besteiro destacou o importante esforzo inversor que está a facer o organismo provincial no Concello chantadino xa que “a Deputación ten cumprido e está cumprindo com Chantada. En só 3 anos que levamos de goberno destinamos preto de 10 millóns de euros a obras neste municipio. Estamos sacando as cousas adiante e en tempo. Nós nos facemos coma outros que xogan permanentemente a poñer a zancadilla e a dar a patada. Nós adicámonos a traballar e a responder. Non nos cuestionamos o que se fixo durante os últimos 24 anos do Partido Popular, iso xa o decidiron os cidadáns hai tres anos”. Neste senso, o máximo mandatario provincial subliñou que “dende que comezamos en coalición traballamos para sacar as cousas adiante, para que a xente valorara a Deputación como unha institución útil e que estaba a pé dos problemas que tiñan os veciños. Nós non somos Holanda, somos España. Temos que xogar con moito ánimo e con traballo, deixando que sexan outros os que dén patadas. Así perderán o Mundial e seguirán perdendo na política. A xente de Chantada darase conta de quen soluciona os problemas”. Ademais dos investimentos do canon, a Deputación destinou no que vai de mandato 3 millóns de euros ó polígono industrial dos Acivros, preto de 1 millón ó mantemento das estradas provinciais e 476.000 euros ó novo parque de bombeiros, ademais doutras actuacións como a roza de estradas ou o plan de comunidades veciñais. Débeda saldada Con respecto ás obras do mercado gandeiro, Gómez Besteiro anunciou que estarán rematadas nos vindeiros días. Os traballos, nos que a Deputación inviste 336.000 euros, inclúen a renovación do sistema de sumidoiros, o soterramento das conducións eléctricas e a renovación do firme no acceso dende a rúa Conde de Guadalhorce, que se atopaba en moi mal estado. A este respecto, o Alcalde sinalou que “estase rematando a obra que, ademais, é a de máis entidade e a máis importante. Está case rematada e vai permitir desenvolver máis e mellor as actividades que se facían neste lugar. Queda lista para o desfrute de todos os veciños de Chantada”. As restantes obras do canon correspondentes ás anualidades 2008 e 2009 están rematadas ou en execución: rexeneración de vías do contorno rural (1.665.718 euros); adquisición dos terreos para a depuradora (150.000 euros); campo de fútbol de Sangoñedo (169.389 euros); reurbanización polígono dos Acivros (45.226 euros); saneamento núcleo Viana (16.143 euros); praza de abastos (119.280 euros); remodelación de piscinas exteriores (472.692 euros); aforro enerxético das piscinas con fontes alternativas solar e biomasa (155.155 euros); revitalización de espazos públicos sometidos a convenio coa Xunta de Galicia (130.000 euros) e desenvolvemento das TICs (30.000 euros). Ademais, xa está pechado o plan de obras de 2010 -a derradeira anualidade do canon-, que ascende a 1.649.802 euros. Contempla as seguintes actuacións: a construción do auditorio municipal (975.000 euros); a demolición da Casa Sindical e o acondicionamento da praza de Galicia (90.000 euros); o desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías (160.000 euros); e a rexeneración e adecentamento de espazos públicos e de viais (424.802 euros). En total, o organismo acomete investimentos por preto de 5 millóns de euros (4.949.408 euros) con cargo o canon hidroeléctrico. 3 millóns no polígono dos Acivros Gómez Besteiro tamén anunciou que a Xunta de Goberno do vindeiro venres, 23 de xullo, aprobará o proxecto de abastecemento de auga ó polígono industrial dos Acivros, incluído no POS 2010, ó que se destinan 182.797 euros. O Presidente lembrou que, ademais do abastecemento, a Deputación acometeu a reurbanización do polígono e, a través da Sociedade Urbanística Provincial –SUPLUSA-, licitou as obras para a ampliación deste parque industrial, que conta cun investimento de 2.830.000 euros. A superficie incrementarase en 117.778 metros cadrados. Inauguración local social O Presidente provincial aproveitou a súa visita a Chantada para inaugurar o local social da Asociación de Veciños de San Vicente de Argozón. A reforma do edificio e da cuberta foi acometida en dúas fases dentro do Plan de Comunidades Veciñais. O titular da institución subliñou “a importancia deste Plan que permite realizar obras pequenas, pero non menos importantes para os veciños, e que non teñen cabida nos proxectos doutras administracións”. Nos dous últimos anos, en Chantada realizáronse un total de 8 actuacións dentro deste Plan por importe de 119.455 euros, dos que a Deputación achegou 83.124. Ademais das dúas obras feitas no edificio de San Vicente, acometeuse a mellora da casa escola da Veiga; o acceso ó núcleo rural de Viñas a Poexos e Vilauxe; o acondicionamiento dos locais sociais de Piedrafita e Santa Uxía de Masma e o acondicionamento do camiño de Pesqueiras.