Deputación de Lugo

A FUNDACIÓN ANADE ENTREGOU HOXE O III PREMIO INTERNACIONAL DE FOTOGRAFÍA SOBRE A DISCAPACIDADE

Imaxe deputación de lugo
Antón Bao agradeceu a importante labor de integración social e laboral que se está a levar a cabo dende esta institución

As tres instantáneas premiadas exporanse no refectorio do Museo Provincial xunto a unha selección das fotografías presentadas ao concurso O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, acudiu hoxe á inauguración da exposición fotográfica organizada pola Fundación Anade no refectorio do Museo Provincial. Na cerimonia estiveron presentes o representante da Fundación, José Colmenero, a coordinadora da institución en Lugo, Ángeles Mayra, José de Cora, director de El Progreso e Belén Casal en representación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Tras a recepción das autoridades continuouse coa entrega dos galardóns aos gañadores do III Premio Internacional de Fotografía sobre a Discapacidade que organiza esta institución. Antón Bao recalcou o importante labor que está a levar a cabo a Fundación Anade, axudando á inserción social e laboral daquelas persoas con discapacidade ou enfermidade mental mediante a creación de grupos de teatro. Para o vicepresidente, o III Premio Internacional de Fotografía é un xeito máis de “facer visible a realidade dun colectivo no que se inclúen persoas cunha discapacidade psíquica, sensorial ou enfermidade mental”, tal e como se recolle nas bases do concurso. A Vicepresidencia da Deputación aposta, ao igual ca seu vicepresidente, polo proxecto posto en marcha pola Fundación Anade e agarda que se asenten e incluso que se incrementen este tipo de actividades nos vindeiros anos. Para Antón Bao é necesario “sensibilizar e educar á propia sociedade para que sexa ela mesma quen reclame e incluso deseñe novas formas de integración”. Ao igual ca en anteriores edicións, profesionais da fotografía e afeccionados amosaron as inquedanzas deste colectivo a través dunha serie de instantáneas nas que se reflicte o día a día destas persoas. Finalmente, o primeiro premio, unha placa e un cheque por valor de 1.000 euros, foi a para a mans de Juan Carlos García Benito de Cuencia. O segundo galardón, un diploma e un cheque por 400 euros, recaeu na persoa de Manuel López Francés de Alacante. Por último, entregouse un terceiro premio á fotografía máis humanitaria. Neste caso, o gañador, Sergio Aritmediz Pérez recibiu un diploma e un cheque valorado en 300 euros. As tres instantáneas premiadas e unha pequena selección do total das fotografías presentadas ao concurso exporanse no refectorio do Museo Provincial ata o vindeiro día 5 de xaneiro de 2009. A Fundación Anade ten previsto achegar esta exposición a outras cidades galegas nos próximos meses.