Deputación de Lugo

A Deputación investiu nos últimos dous anos máis de 100.000 euros nas Comunidades Veciñais de Palas de Rei

Imaxe deputación de lugo
Neste Concello o organismo provincial executou un total de 16 obras relacionadas co adecentamento de núcleos rurais

Gómez Besteiro supervisou algunhas destas actuacións levadas a cabo no lugar de Lamaboa, así como a construción dun muro de contención en Santo Xusto

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este sábado ata Palas de Rei –Concello gobernado polo PP-, no que o organismo provincial executou obras por valor de 138.878 euros dentro dos Plans de Comunidades Veciñais de 2008 e 2009. Deste cantidade, o organismo provincial achegou 104.128 euros. Concretamente, Gómez Besteiro visitou o acondicionamento do núcleo rural de Lamaboa, no que o a Deputación mellorou varias vías deste lugar coa aplicación de aglomerado en quente. O titular provincial subliñou que “este é un exemplo do bo resultado que esta a dar esta iniciativa, que permite realizar obras moi demandadas polos veciños, pero que os Concellos non poderían levar a cabo senón contasen coa axuda da Deputación. Ademais, esta é a primeira aldea de Palas de Rei na que se botou aglomerado en quente, co cal non só melloramos os camiños senón tamén o benestar dos seus veciños”. Gómez Besteiro tamén aproveitou a viaxe para supervisar o muro de contención construído a través deste Plan, e que dá acceso ó campo da festa de Santo Xusto. Ademais das actuacións citadas, durante os dous últimos anos no municipio da Comarca da Ulloa, executáronse outras 14 actuacións: adecentamento dos núcleos de Lamas, A Cernada, Outeiro e Bistulfe; mellora das pistas que van de Villaespesa a Luxila e de Vincia a Avieira; subministro e instalación da megafonía da igrexa de San Vicente; ampliación do alumeado público en Vilar de Donas; acondicionamento do local social solicitado pola asociación “A Capela” e do campo de Remonde; equipamento do parque infantil do colexio público de Palas de Rei; mellora do camiño de Campomaior a San Vicente; acondicionamento da área recreativa río Ferreira; e pavimentación do núcleo de Vilariño. Dende a toma de posesión do actual equipo de goberno foi obxectivo prioritario a execución de obra pública destinada a mellorar a situación deficiente na que se atopaban as infraestruturas de todos os municipios. Nesta liña de impulso económico á provincia, a Deputación realizará este ano un importante esforzo inversor neste eido co Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns euros. Precisamente, o Plan de Comunidades Veciñais de 2010 atopáse dentro desta iniciativa coa que a Deputación pretende adiantarse á saída da crise e manter os postos de traballo existentes. Deste xeito, no mes de xuño aprobaranse as obras solicitadas polas comunidades veciñais dentro do Plan deste ano que conta cun investimento de 2,3 millóns de euros. É dicir, aumenta un 4,5% con respecto a 2009. “Isto significa que en Palas de Rei acometeremos máis obras coas que seguiremos dando resposta ás peticións dos veciños”, apuntou o máximo mandatario provincial.