A Deputación mellorará a rúa Músico Crisanto de Rábade, aforrándolle 300.000 euros ó Concello
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A zona a arranxar é unha vía provincial que perdeu a utilidade como tal ó situarse no casco urbano O Presidente salientou que unha vez que rematen as obras, a Deputación cederá ó Concello esta estrada dando resposta ás reivindicacións dos veciños O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores a Rábade onde anunciou que o organismo provincial vai a mellorar a rúa Músico Crisanto dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública dotado de 60 millóns de euros. Deste xeito, a Deputación asume o custe destas actuacións aforrándolle 300.000 euros a este Concello. Na actualidade, a rúa Músico Crisanto é unha vía provincial que perdeu a utilidade como tal ó situarse nunha zona urbana e residencial. Gómez Besteiro salientou que ante novas necesidades, a Deputación ofrece novas respostas. Esta estrada está no casco urbano así que o axeitado é que se perciba como unha rúa máis, e que responda ó deseño que queren os veciños de Rábade. Deste xeito, o organismo provincial pavimentará de granito a zona, poñerá nova iluminación, e construirá aparcadoiros. Neste senso, o titular do organismo provinvial anunciou que unha vez que rematen as obras, a Deputación cederá ó Concello esta vía dando resposta ás reivindicacións que dende hai tempo viñan facendo os cidadáns. Nós seguiremos mantendo os 4 mil quilómetros da rede viaria provincial, e unindo ós Concellos. O Presidente adiantou que nos vindeiros días os técnicos da Deputación visitarán este municipio para realizar as medicións, avanzar no proxecto, e inciar canto antes estas obras. Con estes traballos, o organismo provincial segue a desenvolver coa máxima celeridade o Plan posto en marcha para adiantar a saída á crise na provincia, e crear postos de emprego. Gómez Besteiro destacou que, fronte a outras administracións que reduciron a obra pública, é o caso da Xunta que o fixo nun 60%, a Deputación puxo en marcha esta marcro-programación dentro da aposta pola máxima cooperación cos todos os Concellos lucenses. Nestes momentos nos que se termina o Plan E, unha iniciativa do Goberno Central na que participamos subvencionando os proxectos, seguimos cooperando con todos os municipios da provincia cunha inxección de 60 millóns de euros. Durante a visita a este Concello, o Presidente, que estivo acompañado polo Alcalde, Francisco José Fernández, tivo oportunidade de asinar no Libro de Honra deste municipio.