Deputación de Lugo

A Deputación inviste case 600.000 euros no acceso ó polígono de Monforte dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto que beneficiará ás preto de 20 empresas que están asentadas na área industrial e nas que traballan unhas 100 persoas

Os traballos inclúen a aplicación de aglomerado en quente nun treito de 1,5 quilómetros, ademais de pintado e sinalización vertical Gómez Besteiro inaugura a tempada de verán do Clube Fluvial, ó que a Deputación destinará 12.000 euros para axudar a reparar os danos que sofriron estas instalacións nos temporais de inverno O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, visitaron este venres a CP 3205 que dá acceso ó polígono industrial deste Concello, e que será mellorada polo organismo provincial dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros e creado para adiantarse á saída da crise e para manter os postos de traballo existentes na provincia. Gómez Besteiro subliñou que “ó final veise quen cumpre e quen non. Nós comprometémonos con este proxecto e dixemos que canto tivesemos capacidade de inversión o faríamos. Melloraremos en case 2 metros de ancho este acceso de primeira. Agora o polígono, no que non se fixo nada dende a década dos 80, quedará aberto”. Neste senso, o titular provincial destacou que “agora as preto de 20 empresas que están asentadas no polígono e que dan traballo a unhas 100 persoas poderán desenvolver mellor a súa actividade grazas á acción da Deputación. Tamén lle pedimos ós empresarios que esixan o mesmo á Xunta de Galicia porque tócalle a ela desenvolver a zona industrial. Se non o fai non cumpre coa súa palabra. Nestes momentos, non serve de nada mirar para atrás e botarlle a culpa ó organismo provincial”. En total, o organismo provincial investirá nesta actuación, que afecta a un treito de 1,5 quilómetros, 573.000 euros. O proxecto foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno, polo que, unha vez adxudicado o prazo de execución das obras será de tres meses. Os traballos inclúen o afirmado e aplicación de aglomerado en quente de sete centímetros de espesor, reapertura de cunetas e drenaxe profundo das mesmas con ensache e saneamento dun metro por cada lado, pintado horizontal, sinalización vertical e colocación de ollos de gato. Tempada de verán Clube Fluvial Na visita realizada esta tarde á cidade do Cabe, o máximo mandatario provincial tamén inaugurou a tempada de verán do Clube Fluvial. Gómez Besteiro aproveitou a ocasión para coñecer as actividades que nel se desenvolven e as súas instalacións, as cales sofriron importantes consecuencias polos temporais rexistrados este inverno. Neste senso e tendo en conta que se trata dunha das asociacións máis importantes da zona sur da provincia, o titular provincial anunciou que a Deputación destinará 12.000 euros para axudar á súa reconstrución. “A Deputación está encantada de colaborar con esta iniciativa porque somos conscientes de que son moitos os monfortinos e as monfortinas que participades das actividades que ofrece, e tamén de que no verán Monforte é visitado tamén por moitos turistas. O noso obxectivo é dar resposta ós Concellos e ós seus veciños. Hoxe voltamos a demostrar que somos unha administración útil”, destacou Besteiro. O Clube Fluvial ten máis de 40 anos de existencia e máis de 4.000 socios. Conta con tres piscinas de diferentes dimesións, entre as que destaca unha olímpica, pistas de tenis, sala de máquinas, restaurante, merendeiro, zonas verdes, cancha de baloncesto e de voleibol, e un parque infantil.