Deputación de Lugo

A Deputación mellorará con máis de 400.000 euros o acceso a núcleos rurais do Saviñao dentro do Canon

Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno aproba o Plan de Obras, no que se contemplan 9 actuacións destinadas tamén á rexeneración de pavimentos

Antonio Gato subliña que “é unha axuda moi importante despois de todas as reivindicacións feitas. Se a Deputación non acometera estas obras terían que ser os Concellos os que se fixeran cargo” O organismo provincial adquirirá 12.000 lotes de produtos autóctonos e equipará as Aulas da Natureza cos remanentes de Lug02 A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este luns o plan íntegro de obras que a o organismo provincial acometerá no Concello do Saviñao dentro do canon 2008-2009. Neste municipio, o organismo provincial adica nestes dous anos 411.016 euros, quedando o resto, 217.000 –é dicir, o terzo da débeda que queda por pagar- para o ano 2010. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “o canon foi un dos temas que tivo ocupado ó actual equipo de goberno durante todo o ano 2009”. Neste senso, apuntou que “é unha axuda moi importante despois de todas as reivindicacións feitas. Se a Deputación non acometera estas obras terían que ser os Concellos os que se fixeran cargo. Isto é moi importante sobre todo nun momento de crise como o actual, e no que toda colaboración é necesaria”. En total, acometeranse neste municipio 9 actuacións, a maior parte delas, refírense á rexeneración de pavimentos e á mellora de accesos a núcleos rurais. Son os seguintes: rexeneración pavimentos en Riberia-Chao de Broza (56.052 euros); rexeneración pavimentos en Lamapodre-Forcados (46.374 euros); rexeneración pavimentos en A Fonte-Vilatán (42.871 euros); acceso en pista Pena Fión (68.608 euros); rexeneración pavimentos en A Mora-Casadomonte (A Cova) e A Barxa-Abuime de Cazapico (40.732 euros); rexeneración pavimentos en Lamagrande-Sardiñeira (36.478 euros); rexeneración pavimentos en A Fonte-Penela-Vigo (34.720 euros); rexeneración pavimentos en Morgade-Seteventos (36.875 euros); e rexeneración pavimentos a Xixiriz (Broza), Aiaz-Os Picos (Ousende) e Estrumil-Augalevada (49.206 euros). Remanentes de Lug02 Apróbase a modificación do orzamento do programa Lug02 co que a Deputación demostrou que o medio ambiente é unha oportunidade económica para a provincia. Gato Soengas sinalou que “xa lles fomos anunciando as distintas liñas de actuación que fomos realizando e que xa concluímos, como é o caso da acción formativa para axudar ós gandeiros a rentabilizar os residuos que xeran nas súas explotacións, a implantación das marcas Lug02 e Lugosabe, etc. Das iniciativas rematadas quedaron os remanentes que agora os destinamos a completar actuacións de extraordinaria importancia, de aí que sexa necesario esta modificación do orzamento”. Os remanentes destínanse a Km0 e á mellora da comercialización dos produtos autóctonos. A Deputación elaborou 14.000 lotes destes produtos que son repartidos ós participantes do programa medioambiental e nas visitas institucionais do Presidente do organismo provincial. “Esta iniciativa está a ser moi ben aplaudida polas empresas, xa que moitas veces teñen problemas para comercializalos. Coa colaboración da Deputación contribuímos á mellora da súa oferta. Deste xeito, coa reformulación do presuposto adquiriranse 12.000 lotes máis, que se suman ós 14.000 existentes”. Tamén se destinarán á equipación de Aulas da Natureza da provincia e ás becas para xóvenes titulados das que o organismo provincial dará conta proximamente. Outros acordos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace a 9 contas xustificativas dos Plans de Comunidades Veciñais de 2009 (7), 2008 (1), e 2006 (1). Pertencen ós Concellos do Valadouro, Castroverde, A Pontenova (3), Chantada, O Corgo, Antas de Ulla e Lugo. Suman un total de 117.685 euros, dos que a Deputación achega 63.178. Asimesmo, aprobouse ó expedente de contratación da adecuación de espazos existentes na Deputación por valor de 227.733 euros. As obras comprenden, no segundo piso, o lateral do Pazo Provincial que dá ó primeiro calexón, así como os espazos equivalentes ó frontal do Pazo, dende o despacho do Secretario ata o Salón de Xuntas. Antonio Gato, explicou que o motivo principal é a implantación da administración electrónica que chegará da man do Innova-TE que é o prego máis amplo e importante que vai abordar, coa máxima garantía, o maior investimento en TICs feito nunca na historia da provincia e de Galicia e que permitirá que a Deputación e os Concellos entren de cheo na Sociedade da Información. A súa implantación esixe unhas dependencias axeitadas e a incorporación de persoal cualificado. Para esta nova ubicación irá o Boletín Oficial da Provincia. O Arquivo Provincial, hoxe acumulado e que supón un gran peso nesa zona da Deputación, será trasladado ó INLUDES, onde sí hai espazos axeitados para elo, “co cal dignificamos este servizo de grande importancia para a Deputación e para a provincia”. Manteranse os servizos que se prestan na actualidade. Por exemplo, acondicionarase o lugar do persoal de limpeza, taquillas, etc, que hoxe non teñen un espazo en condicións. Tamén se manterán os axentes de Desenvolvemento Local.