Deputación de Lugo

Antón Bao presenta o curso A Prehistoria en Lugo. Á Luz das Descobertas Recentes que organiza a USC

O seminario pretende dar a coñecer os resultados dos achados das últimas escavacións arqueolóxicas realizadas en varios puntos da xeografía lucense

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, presentou este martes o curso A Prehistoria en Lugo. Á Luz das Descobertas Recentes que patrocina a Área de Cultura desta institución e organiza a Universidade de Santiago de Compostela. O Pazo de San Marcos acolleu esta presentación á que tamén acudiron os directores das xornadas, a profesora da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, María Dolores Dopico Caínzos, e o profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Manuel Villanueva Acuña. As conferencias terán lugar os vindeiros días 24 e 25 de abril na sede da Fundación da Caixa Galicia e do Museo Provincial de Lugo, respectivamente. Na súa intervención Antón Bao recalcou que estas xornadas pretenden trasladarlle á sociedade os resultados e as análises efectuadas polos profesionais deste campo en relación coas últimas escavacións arqueolóxicas realizadas na Cova de Eirós (Triacastela), no Valdavara (Becerreá) ou no val de Monforte. Para o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo resulta “fundamental” coñecer todas aquelas pezas, mostras ou restos vinculados aos nosos antepasados, “algo que nos axudará a comprender mellor a evolución da nosa propia historia”, asegurou. Nesta liña, Antón Bao tamén sostivo que, para coñecermos “a nosa realidade”, debemos regresar á prehistoria, “unha etapa na que se atopa agochada a identidade do país”. Logo disto, Antón Bao salientou que este curso pretende ser un “punto de encontro” entre os arqueólogos da cornixa cantábrica e, ao tempo, un impulso para a posta en marcha de innovadores proxectos que permitan atopar novos restos arquelóxicos. Tal e como recalcaron os dous directores do curso, María Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, e o propio vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, a finalidade deste curso é a de dar a coñecer todos aqueles aspectos de gran interese extraídos das últimas actividades arqueolóxicas e que sirvan para complementar os coñecementos da sociedade sobre a prehistoria e as súas representacións en toda Galiza, concretamente nas comarcas lucenses. Un repaso ás orixes da historia a través de sete conferencias O salón de actos da Fundación da Caixa Galicia acollerá a primeira das xornadas que terá lugar o próximo venres 24 de abril. Tras a entrega da documentación, ás 10:00 horas desenvolverase a primeira das conferencias titulada “A primeira presenza humana no Paleolítico hispano: Atapuerca como paradigma” da man do investigador docente da Universitat Rovira i Virgili e membro da Institut de Paleoecología Humana i Evolució Social (IPES), Xosé Pedro Rodríguez. Ás 12:00 horas terá lugar o segundo dos relatorios da mañá titulado “O Paleolítico na cornixa cantábrica”, pronunciado polo catedrático de Prehistoria da Universidade de Cantabria, Manuel González Morales. Xa pola tarde, ás 17:00 horas e ás 18:30 horas, respectivamente, desenvolveranse dúas novas conferencias tituladas “A descoberta da presenza humana no noroeste” e “A primeira presenza paleolítica na provincia de Lugo” da man do catedrático de Prehistoria da USC, Ramón Fábregas Valcarce, e do investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC, Arturo Lombera, respectivamente. O sábado 25 de abril, o Museo Provincial de Lugo acollerá tres novos relatorios. O profesor titular de Prehistoria e coordinador do Grupo de Investigación GI-1520 Arqueohistoria da USC, Antón Rodríguez Casal, pronunciará a primeira das conferencias titulada “O fenómeno tumular no territorio lucense”. O membro do Consello de Cultura da Deputación de Lugo e ex-director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias Vilas, farase cargo do segundo dos relatorios da xornada titulado “A cultura castrexa na provincia de Lugo: aspeitos diferenciais da mesma”. A última das conferencias, “Novas perspectivas sobre a cultura castrexa na provincia de Lugo. As ensinanzas do Castro de Formigueiros” será pronunciada polo xefe técnico de Arqueoloxía da Delegación da Consellería de Cultura en Lugo, Gonzalo Meijide Cameselle; a continuación, unha mesa-debate clausurará o curso. Unhas xornadas aptas para estudantes e profesionais do sector Tal e como explicou o co-director do curso A Prehistoria en Lugo. Á luz das descobertas recentes, Manuel Villanueva Acuña, estas xornadas están destinadas ao colectivo de estudantes e licenciados en Humanidades, Xeografía, Historia, Arte e Filoloxía Clásica, aos profesionais da arqueoloxía e dos museos e ao profesorado do ensino secundario obrigatorio e de bacharelato. Para esta edición ofertouse un total de 80 prazas. No día de hoxe hai matriculadas unhas 70 persoas. A pesar de estar fóra de prazo, a organización acepta matrículas ata cubrir o aforo.